A organización Unións Agrarias solicita para os produtores de cereal afectados polas enchentes da comarca da Limia a condonación ou bonificación dos custes de Seguridade Social e a rebaixa na tributación de módulos coa Axencia Tributaria, xa que as perdas teñen sido de tal magnitude no cereal de inverno, – se non mellora moito a situación tamén no de primavera-, que a rendibilidade das explotacións é practicamente nula.
Nesta liña, desde Unións Agrarias pídese tamén que Medio Rural active as axudas de mínimis que están previstas para que, no caso de situacións coma esta, as explotacións poidan saír adiante. Neste sentido, hai que lembrar que a día de hoxe seguen afectadas mais de 2.000 hectáreas; o que ven a supoñer unhas perdas directas de 1.200.000 euros pola sementeira perdida – arredor do 25% da extensión total- ás que hai que sumar a imposibilidade de traballar o resto da terra polo asolagamento sufrido.
UUAA reclama que se axilicen todos o traballos nas canles de drenaxe para asegurar a sementeira da pataca que, se non mellora moito a situación do solo, pode verse comprometida. Unións Agrarias lamenta que a falta de xestión na limpeza por parte da Consellería de Medio Rural das infraestruturas da lagoa da Limia agravaran as enchentes en toda a comarca.
Así e pese ao plan de traballo acordado o pasado mes de setembro entre a Confederación Hidrográfica e a Xunta de Galicia, a realidade é ós traballos de mantemento adiáronse, dando como resultado unha multiplicación do dano.