Unións Agrarias valora positivamente a actualización do rexistro vitivinícola de Galicia que ven de anunciar a Consellería do Medio Rural. Unha mellora dos censos que xa fora solicitada repetidas veces desde a organización agraria ao longo dos últimos años. E que supón unha ferramenta imprescindible para clarificar o actual potencial produtivo de Galicia.
Do mesmo xeito, UUAA insta á Xunta a actuar con maior ambición no que atinxe ao cumprimento dos contratos de aprovisionamento de uva. Neste apartado a organización agraria ve imprescindible esixir o depósito dos mesmos nun rexistro oficial antes de cada vendima, co obxectivo de conseguir erradicar a práctica dalgunhas adegas de pagar a produción á baixa logo da colleita e sen marxe de negociación.
Por outra banda Unións Agrarias considera preciso introducir modificacións nos Pregos Facultativos dos Consellos reguladores e flexibilizar, previa inspección dos CRDO, a cifra de rendemento por hectárea en base a dous parámetros:
-Unha parte fixa, que pode aumentar ou diminuir en función da: Subzona, Densidade de plantación, Sistema de plantación ou Variedade.
-E unha ratio variable, que pode aumentar ou diminuír segundo comprobación dos técnicos do Consello e previa solicitude por parte do agricultor ou inspección dirixida.
Unións Agrarias tamén aposta porque os CRDO se sometan ao control de Fraudes da Xunta de Galicia como unha unidade central de inspección. O que non supón deixar de lado os propios controis dos Consellos, que deben de ser reforzados.
Finalmente, UUAA esixe a aprobación de colleita en tódalas D.O., cuxos datos de produción por parcela deben publicarse en todas as denominacións para promover a máxima transparencia. E insiste na necesidade de garantir o acceso a toda a información por parte dos vogais de cada consello.