UUAA PIDE A MEDIO RURAL QUE NON SE AGOCHE DETRÁS DE MENTIRAS NO PDR

O conselleiro envía unha carta electoralista que pode vulnerar a Lei de Protección de Datos

Unións Agrarias, condena a actitude do conselleiro de Medio Rural, José González, que ven de enviar unha misiva electoralista aos agricultores e gandeiros beneficiarios das axudas da Medida 10 do PDR de Galicia, onde lles comunica que van a seguir percibindo estas axudas prorrogadas no ano 2020, para desmentir as afirmacións de “organizacións que afirmaron que estas axudas ían desaparecer en 2020, pero esa información non é veraz”.

Na misiva o conselleiro esqueceu explicar que estas axudas sí desapareceran do Anteproxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2020, e tamén que altos cargos da Consellería anunciaran publicamente a súa desaparición nunha xornada formativa a máis de 100 técnicos en setembro de 2019. E que só houbo cambio de criterio da Consellería e se prorrogaron a partires da campaña informativa de Unións Agrarias a agricultores e gandeiros, e das accións conxuntas co resto de socios do Comité de Seguimento do PDR de Galicia 2014-2020.

Para comprobar estas falacias, basta revisar a documentación entregada no Parlamento antes da denuncia pública de UUAA e a versión corrixida despois da mesma.

O Conselleiro de Medio Rural pretende nesta nota propagandística agachar a súa actuación na supresión das axudas europeas á gandería de montaña e de zonas desfavorecidas, ademais de deixar no ar as Medidas de Agroambiente e Clima para os anos 2021 e 2022, confiando nunha solución que poida dar a Comisión Europea nos próximos anos, pero téndose negado a garantir a súa continuidade na prórroga do actual PDR 2014-2020 enviada a Bruxelas o pasado mes de decembro, tal e como lle pediu Unións Agrarias. A última vez que a Consellería do Medio Rural aplicou esta fórmula de fiar a modificacións normativas da UE unha solución transitoria para a prórroga das axudas, o resultado foi a imposibilidade do pago das mesmas nos anos 2015 e 2016.

Así, de fallar a proposta de refinanzamento para os anos 2021, 2022 e 2023, como sucedeu no período transitorio dos anos 2014 e 2015, estas axudas quedarían sen convocarse por falta de respaldo financeiro. Destes extremos non informa José González na súa misiva.

A breve carta do conselleiro remata cunha inédita petición persoal aos receptores da mesma para que lle subministren os seus datos persoais de contacto, correo electrónico e teléfono móbil, a fin de “manter con vostede unha comunicación máis fluída”; saltándose así a normativa actual europea de protección de datos.

Resulta completamente intolerable tanto o fondo como as formas empregadas na carta dirixida aos produtores desde a Consellería. Emprega fondos públicos para unha campaña de propaganda que esparexe medias verdades, co ánimo de por en cuestión o papel constitucional das organizacións agrarias como representantes de gandeiros e agricultores, a súa capacidade e a súa veracidade. Neste sentido, desde Unións Agrarias xa se lle deu traslado á Axencia Española de Protección de Datos de copia da citada misiva, para que comprobe se a solicitude de información persoal que se traslada aos produtores por parte da Consellería de Medio Rural incumpre a legalidade que contempla a norma, tal como considera a organización agraria. E para que, de ser o caso, actúe e depure as responsabilidades pertinentes.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias