Unións Agrarias-UPA, xunto coa Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA) participou na primeira reunión da mesa de diálogo agrícola convocada polo ministro de Agricultura Luis Planas. A reunión chegou nun momento de gran tensión, tras as masivas mobilizacións que continuarán aínda nos vindeiros días.
Dende Unións Agrarias-UPA traladamos ao ministro que o problema máis urxente é a falta absoluta dun prezo xusto que permita, cando menos, cubrir os custos de produción. Para iso propuxemos unha serie de cambios lexislativos, que deben abordarse con urxencia e que se resumen nos seguintes 8 puntos:
-Venda a perdas: que se estableza como práctica abusiva e, polo tanto, prohibida ao longo de toda a cadea agroalimentaria
-Prezos xustos por lei: que se defina o concepto de prezo xusto para cada un dos produtos agrícolas perecedeiros ligados aos custos de produción.
-Índices de custos de produción nos contratos: que os contratos de compravenda dos alimentos se referencien a uns índices públicos de custos de produicón, como acontece en Francia ou Italia.
-Mediador: que se recoñeza a figura dun mediador ou árbitro que actúe para garantir as boas relación na cadea agroalimentaria.
-Sancións exemplares: as sancións para os que incorren en prácticas abusivas deben ser exemplares e públicas.
-Estudos de custos: os estudos sobre os custos de produción non se actualizan hai tempo. Debemos dar máis transparencia á cadea alimentaria, pois esa será a mellor garantía á hora de frear os abusos.
-Etiquetaxe: a etiquetaxe na fonte debe ser obrigatoria para todos os produtos frescos e fabricados, como unha forma de valorar o traballo dos agricultores e dar máis información aos consumidores.
-Venda directa: establecer medidas que regulen e faciliten a venda directa de produtos agrícolas e gandeiros por canles directas.
Ademais, instamos ao Ministerio a poñer en marcha unha Mesa sobre Gandeiría, igual que as que xa están en marcha noutros sectores, para atender as especificades e problemáticas propias que afectan aos produtores de leite e carne.