Santiago, 20 de febreiro de 2020.- A organización Unións Agrarias denuncia a promoción da cadea de distribución Lidl que oferta iogures marca Milbona a 0,08 euros a unidade. Un caso vergoñento de uso do leite como produto reclamo que causa aínda máis indignación por coincidir o seu lanzamento en plena reclamación por parte dos gandeiros de prezos xustos para a produción láctea.
Desde UUAA esíxese da Xunta de Galicia e o Ministerio que impoñan o criterio de tolerancia cero contra a venta a perdas que practican algunhas cadeas de distribución na comercialización do leite. As administracións deben de ir máis aló das grandes declaracións de apoio o sector e facer o seu traballo de fiscalización destas actitudes comerciais devastadoras para a formación dunha cadea de valor para o leite xusta.
A organización agraria advirte a Lidl que no caso de que non retire dos lineis dos supermercados nun prazo máximo de 48 horas a oferta, iniciará unha campaña directa de denuncia nas propias superficies comerciais. UUAA, en calquera caso, xa vai a dar traslado e propoñer que se abra un expediente sancionador ante a Axencia de Información e Control Alimentarios, (AICA) á cadea alemá de supermercados Lidl por introducir no mercado galego, produtos en clara de venta a perdas.
UUAA xa advertira que este tipo de accións especulativas por parte das grandes superficies ían a propagarse de maneira exponencial pola falta de cobertura legal que sufre a base produtora. Unha indefensión que ven dada pola falta de elementos reguladores esenciais como son a figura dun mediador e un réxime de sancións duro e efectivo que castigue aos especuladores.
Finalmente, a organización fai un chamamento aos consumidores e consumidoras para que fagan unha compra responsable e solidaria coas familias de gandeiros que teñen que malvender a súa produción para que os donos de multinacionais como Lidl sigan engordando as súas contas bancarias. Os afiliados e afiliadas de UUAA a manterán unha actitude vixiante nos distintos centros comercias para denunciar publicamente a aqueles que atentan contra a dignidade dos produtores lácteos de Galicia.