Santiago, 21 de febreiro de 2020.- A organización Unións Agrarias pide á Consellería do Medio Rural que amplíe un mes o prazo para a presentación das solicitudes para Plans de mellora, -remata este 28 de febreiro-. Doutro xeito, novamente quedarán fóra moitas granxas galegas que non van poder conformar a documentación do expediente.
Os problemas para conseguir licenza de obras nos distintos concellos provoca que se retrase moito a tramitación. Unha situación que pode levar a que moitos produtores fagan desembolsos para tramitacións que finalmente non van valer para nada por quedar fóra de prazo.
O medio rural galego non se pode permitir un ano sen esta importante inxección económica, que afecta non so á mellora das explotacións senón a centos des empresas de servizos e construción radicadas en vilas e cabeceiras de comarca, para as que as obras nas granxas son un dos principais motores de aceleración da súa actividade.
Non hai que esquecer que por cada 3 euros públicos os gandeiros teñen que poñer 7 a maiores, e que por encima destes 3 euros postos pola administración galega o 75% proceden de fondos europeos, polo que non é escusa a falta de fondos.
As explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posibles a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo. Pero para iso necesitan investimentos case constantes nas súas explotacións: para mellor o benestar animal, reducir custos, atender ás esixencias medioambientais, etc, polo que esta liña de axudas é fundamental.
Os produtores pídenlle á Consellería de Medio Rural que se centre dunha vez por todas e que se poña a traballar no apoio real ás nosas explotación. E para iso necesítase unha liña de axudas estable e non esta falta de previsión que impide ós produtores facer unha xestión profesional das explotacións.