O 19 de febreiro agricultores e gandeiros chegados de distintas partes da xeografía galega atenderon a convocatoria de Unións Agrarias-UPA e acudiron concentrarse fronte Delegación do Goberno na Coruña para reclamaren prezos xustos polos seus produtos. A mobilización desenvolveuse de xeito cívico a pé de rúa, mentres unha representación da organización, encabezada polo noso secretario xeral, Roberto García, era recibida polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, no interior do edificio. O acto enmarcouse no calendario de mobilizacións que UPA, ASAJA e COAG levan semanas impulsando en todo o estado. E quixo poñer o foco nas singularidades que afectan ao sector agrogandeiro galego e na necesidade de atender unhas problemáticas que, no caso galego, teñen máis que ver coa gandería.
Dende Unións Agrarias entendemos que produtores de leite, carne de vacún, polos ou coello teñen problemas propios que deben ser atendidos dende unha Mesa de Gandería, igual que as que o Goberno xa creou para o olivar ou os produtos hortofrutícolas. E así llo fixemos saber ao delegado do Goberno, que se comprometeu a facer chegar as nosas reivindicacións ao Ministerio.