Unións Agrarias ven de rexistrar un escrito ante a Consellería do Medio Ambiente, onde solicita a toma de consideración polo Comité Galego de Caza dunha serie de medidas que permitan avanzar na eficacia do control dos danos do xabaril no agro ante a inminente campaña de sementeira do millo que se iniciará nos próximos meses.
Con elo Unións pretende que a cazasocial galega siga avanzando para converterse nun instrumento eficaz na xestión da poboación dos xabarís; así como no control dos danos que estes animais causan no agro, toda vez que a Proposición non de lei de Iniciativa lexislativa popular que a formación presentou a principios de febreiro no Parlamento de Galicia foi rexeitada polo voto en contra do Partido Popular. Con esta PNL, avalada por máis de 6.500 sinaturas de afectados polo xabaril no rural, pretendíase descargar aos TECOR e Sociedades de Caza da responsabilidade directa do pago dos danos da fauna salvaxe e facer que fose a Xunta quen se encargase de abonalos.
No seu escrito Unións Agrarias solicita da Presidencia do Comité Galego de Caza, da que é titular Belén Docampo, directora Xeral de Patrimonio Natural, que defenda a autorización para cazar xabarís inmaduros durante os recechos de corzo que se darán nestes meses de primavera, que coinciden coa veda do xabaril, pero cos efectos máximos nos danos na agricultura.
Do mesmo xeito, solicítase que se regulen as actividades cinexéticas que tenden a dispersar os xabarís cara os cultivos, como os adestramentos de cans no monte durante a época de cría do xabaril. Tamén se pide o levantamento da prohibición de caza de femias de corzo nas zonas de Galicia onde aínda se mantén esta medida, por ser contraproducente polos danos que poden producir estes animais especialmente nos bancais de viñedo, e por existir evidencias e informes científicos de que a superpoboación de femias vai estender o parasito do corzo coñecido como Cephenemyia stimulator.
O Comité Galego de Caza é o órgano consultivo de cazadores e administración, onde se revisan e fixan para cada ano, os acordos que serven de base para redactar a Orde anual de Vedas, que regula os períodos hábiles de caza das distintas especies de caza, neste caso para a tempada 2020-2021.
Neste Comité non ten presenza ningún representante de agricultores e gandeiros, motivo polo que Unións Agrarias se dirixe por escrito á súa presidencia a fin de que presente ante o mesmo estas iniciativas e as defenda como propias, ante o seu evidente interese para mellorar as posibilidades de control de danos do xabaril na agricultura nestes meses de veda.