Unións Agrarias participará na mobilización en defensa do sector apícola

A organización estará presente na concentración do vindeiro martes día 10 fronte ao Ministerio de Agricultura en Madrid

Martes 10 de marzo de 2020. De 11 a 14 horas. Praza de Atocha, fronte ao Ministerio de Agricultura, en Madrid. Son os datos da convocatoria lanzada polas organizacións profesionais agrarias, APAG Extremadura Asaja, UPA-UCE, Asaja Cáceres, COAG e Cooperativas Agroalimentarias de España para reclamar medidas que palíen os problemas que os apicultores están a ter para exercer a súa actividade de xeito sustentable. Unha mobilización que Unións Agrarias secunda, e na que estarán presentes os produtores de mel de Galicia.

A convocatoria xurde da mala situación á que se enfrontan os apicultores de todo o estado. Unha situación que se ten ido agravando paulatinamente debido á falta de medidas por parte das administración, ou pola súa ineficacia e ineficiencia. Así as cousas, UUAA desprazarase o vindeiro martes ata Madrid para solicitar que de xeito urxente se adopten medidas concretas que aseguren que as familias que viven da apicultura poidan seguir exercendo o seu traballo de maneira digna e con garantías de futuro. Os prezos baixos, a varroa ou os problemas co etiquetado centran as principais reivindicacións.

En concreto, o sector apícola reclama:

  1. No relativo al mercado, medidas efectivas que reequilibren a cadea de valor do mel e os prodtos apícolas e que aseguren a sustentabilidade das familias que viven da apicultura. Tamén unha revisión urxente da política de acordos comerciais que garantice que o mel importado cumpre con todos os requisitos produtivos, sociais e medioambientais esixidos a un apicultor do noso país. Os productos apícolas, entre eles o mel e o polen, non poden ser empregados como moeda de cambio nos acordos comerciais que se establezan a nivel europeo.
  2. Un etiquetado que inclúa o listado de países de orixe, así como a porcentaxe de mestura de cada un.
  3. En materia de sanidade, considérase imprescindible a creación dun grupo de traballo específico sobre Varroa que se reúna periodicamente a nivel estatal e que mellore a coordinación entre as distintas administracións en materia sanitaria, ademais de apoiar a investigación para o desenvolvemento de novos principios activos contra a Varroa.
  4. Outro aspecto destacado é o relativo á falta de espazo para asentamentos apícolas, polo que se pide que se poida valorar a utilización de espazos públicos, ademais de regular distancias mínimas entre colmeares, entre outras.
  5. Respecto á PAC, considérase imprescindible o mantemento e reforzo do orzamento estatal e das distintas comunidades autónomas destinado a axudas ao sector apícola.
  6. Outro dos puntos incluídos é o relativo á adaptación ao cambio climático. Nese senso, as organizacións convocantes reclaman que se realicen análises da vulnerabilidade da apicultura, a definición de sistemas de indicadores de impacto e medidas para reducir as vulnerabilidades detectadas.
  7. Unha estratexia nacional coordinada fronte á ameaza das especies invasoras e depredadoras das abellas.
  8. Unha liña de seguro acorde ás necesidades do sector e vinculada á apicultura.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias