UUAA PIDE O APRAZAMENTO DOS PROCESOS ADMINISTRATIVOS

Ve imprescindible impulsar esas medida ante a imposibilidade de cumprir prazos na xestión axudas ou impostos

A organización Unións Agrarias solicita o aprazamento inmediato dos procesos administrativos vinculados á tramitación de axudas, fiscalización e pagamento de débedas coas administracións que vinculen a gandeiros e agricultores.

Ante a evidente imposibilidade dos produtores de poder cumprir coas xestións debidod á paralización que sufre a maquinaria administrativa a consecuencia das restricións que impón a loita contra o coronarivus, a organización agraria pide que non se penalicen os atrasos na presentación de documentación para todo tipo de convocatorias abertas.

Do mesmo xeito, esíxese que na liquidación de impostos e cargas sociais se teña en conta a delicada situación na que quedan moitos produtores ante a incerteza que xera o actual escenario económico.

Moratoria na negociación de contratos lácteos

Unións Agrarias solicita tamén unha moratoria na negociación de contratos lácteos coas industrias, dada a imposibilidade de celebrar asembleas con gandeiros para informar e acordar propostas ao respecto.

Unións Agrarias adía o calendario congresual

A organización agraria tamén decidiu adiar o calendario de congresos comarcais previsto para as vindeiras semanas dadas as restricións á concentración de persoas en espazos pechados que impoñen as autoridades sanitarias. En función de como evolucione a situación do andazo de coronavirus, a maquinaria congresual iráse poñendo novamente en marcha nas comarcas para finalizar coa celebración do XI Congreso Nacional Galego.

Activación dun plan de continxencia

Unións Agrarias ven de activar un plan de contixencia para todo o seu persoal, tanto na sede nacional en Santiago de Compostela como nas 30 oficinas comarcais. Medidas coas que a organización busca facilitar a conciliación familiar mediante quendas de traballo presencial e implementación do teletraballo.

Ademais, a organización púxose en comunicación cos mais de 13.900 asociados cos que conta para poñer en marcha un sistema de cita previa para as consultas e xestións administrativas; tratando de evitar así as concentracións de persoas nas distintas sedes. Neste sentido, UUAA advirte tamén que, dada esta limitación de persoal e recursos, non lle será posible cumprir con algunhas execucións e tramitacións administrativas. Circunstancia que xa lle será comunicada aos organismo e administracións competentes.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias