UUAA garante o normal funcionamento das explotacións agrogandeiras durante o estado de alarma

O secretario xeral, Roberto García, falou na TVG da situación excepcional que estamos a vivir

Nestes días xurden dúbidas e incertezas en relación ao estado de alarma e as súas consecuencias e implicacións. Da situación excepcional que estamos a vivir falou esta mañá no Bos Días da TVG o secretario xeral de Unións Agrarias, que garantiu o normal funcionamento das explotacións agrogandeiras e o abastecemento dos mercados. Roberto García fixo un chamamento á responsabilidade e instou a todos os axentes implicados na cadea alimentaria, así como á sociedade no seu conxunto, a continuar seguindo de xeito escrupuloso as medidas de prevención impostas polas autoridades para conseguir frear canto antes a propagación do COVID-19.

O secretario xeral de UUAA recoñeceu que, a pesar das dúbidas iniciais que se deron en realción á interpretación das directrices do Real Decreto que establece o estado de alarma, a situación vaise normalizando. “Dependendo das zonas déronse interpretacións diferentes por parte da Garda Civil ou a Policía Local sobre o que está ou non permitido, que agricultores e gandeiros poden ou non acceder ás súas explotación, se poden desenvolverse labores con normalidade na viticultura, dirixirse ás fincas con normalidade… Pero as dúbidas vanse resolvendo”, afirma Roberto García.

O voceiro da organización agraria fixo un chamamento á calma e asegurou que “a día de hoxe non existe ningunha circunstancia que impida manter o nivel de produción habitual nestas datas, nin no terreo agrario nin no gandeiro. As únicas dificultades que están a darse son máis á inversa, en relación a determinado tipo de producións destinadas á hostelaría que, co peche de establecementos, están sufrindo pequenas dificultades. Granxas de ovos que traballaban directamente con restaurantes, ou vacún maior destinado á restauración que están acusando parón. Tamén á hora de canalizar os becerros de recría están a darse certas dificultades. Pero a produción de leite ou carne está a funcionar con normalidade. As dificultades iniciais que puido haber foron motivadas polo acopio excesivo de víveres e produtos de primeira necesidade que fixeron os consumidores, pero o abastecemento está garantido e a situación tense normalizado”, asegura o secretario xeral de Unións. Que destaca ademais o compromiso de agricultores e gandeiros coas medidas hixiénico sanitarias impostas.

No que se refire aos prezos, Roberto García loubou a responsabilidade coa que están a actuar tamén as cadeas de distribución. “Desde o primeiro momento establecemos un observatorio telemático para facer un seguimento da evolución dos prezos nas distintas canles de distribución, e temos que dicir que o grao de transparencia e complicidade da distribución está a ser total, e non hai casos nos que se teña tratado de aproveitar este incremento da demanda nin a excepcional situación que vivimos para modificar os prezos”.

O que si está a xerar “certa tensión” é a situación en relación á renovación dos contratos lácteos que, na súa maioría deberan renovarse antes do día 31 de marzo. Debido ás necesarias restriccións impostas, “está a haber dificultades para a negociación dos mesmos. Pero entendemos que a administración fará o posible para que poida impulsarse unha prórroga automática dos mesmos ata que as negociacións para os novos contratos poidan retomarse”, explica o secretario xeral de Unións.

En relación ao peche dos mercados de gando Roberto García destacou que, ante a gravidade da situación á que nos enfrontamos, en ningún caso ningún sector debe caer na tentación de solicitar medidas excepcionais que sitúen o criterio económico por enriba do sanitario e da seguridade para as persoas. “Hai fórmulas para actuar evitando as aglomeracións, e as xestións de Medio rural para que os tratantes poidan seguir recollendo os becerros están a funcionar. Debemos continuar a traballar seguindo as medidas necesarias, e a preocupación económica non debe imporse ás medidas técnico/sanitarias”, indica o responsable de Unións; que tamén respalda a solicitude realizada pola Consellería en relación á apertura das prazas de abastos.

“Se unha gran superficie pode abrir as súas portas para facilitar produtos de alimentación aos consumidores, os mercados locais tamén deberan poder facelo se seguen todas as medidas sanitarias e de prevención. O risco de aglomeración é maior en centros comerciais que os que poden darse en prazas de abastos. Polo que entendemos que a petición de Medio Rural aplica a lóxica, pois o risco neste tipo de mercados non sería superior ao que se dá cando acudimos mercar a un centro comercial”.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias