UUAA PIDE REVISAR TODOS OS CONTRATOS ASINADOS POLOS PRODUTORES DURANTE O ESTADO DE ALARMA

Entende que non deberán ser válidos pola imposibilidade real de negociación

Santiago 26 de marzo de 2020.- A organización Unións Agrarias agarda que desde as administracións se proceda a revisar todos os contratos asinados polos produtores durante o estado de alarma, logo de que o Congreso dos Deputados convalidase onte o Real Decreto de medidas urxentes para a agricultura e gandería.

A organización agraria confía en que na modificación que se faga na Lei de Cadea se incorpore a figura do mediador nas relacións comerciais entre produtores e industrias. Peza fundamental para unha negociación equilibrada.

Neste marco, UUAA entende que a imposibilidade real de establecer unha negociación coas industrias no caso do sector lácteo convirte os documentos asinados polos gandeiros en meros contratos de adhesión, polo que entende que estes deberán ser anulados ou modificados en canto se levante o confinamento. Do contrario, a nova norma carecería de toda funcionalidade.

Unións Agrarias manifesta unha vez máis que a vontade dos gandeiros e gandeiras e poder vivir das súas rendas e non subsistir con axudas. Por iso é imprescindible contar cun marco regulatorio moderno e firme que impida as prácticas das empresas de recollida. Firmas que, en vista dos contratos que tiveron que asinar as explotacións, aínda non entenderon que as normas deben ser outras.

Finalmente, a organización agraria insiste na necesidade de que a Consellería do Medio Rural active de xeito urxente o Observatorio de custos ao que se comprometeu o pasado 19 de febreiro, coincidindo coa mobilización de gandeiros e agricultores que UUAA encabezou en Galicia. E lembra que, no caso do sector do viño, aínda se está a tempo de fixar un marco de traballo que permita chegar á vendima cuns prezos para a uva pactados e cuns contratos de aprovisionamento equilibrados. Ademais, Unións Agrarias demanda un seguimento eficaz da conformación dos prezos das distintas producións entre orixe e destino que evite que se produzan adulteracións de mercado por culpa do incremento ou a contracción da demanda, dada a volatilidade das vendas nas grandes superficies.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias