UUAA DENUNCIA A LEITE CELTA POR APROVEITAR O CONFINAMENTO PARA OBRIGAR A ASINAR CONTRATOS LÁCTEOS

A empresa portuguesa esixe tamén os gandeiros a baixa na OP ULEGA

Santiago 27 de marzo de 2020.- A organización Unións Agrarias denuncia o matonismo da empresa portuguesa Leite Celta no trato que dispensa aos gandeiros de Galicia, nuns intres tan delicados como os que están vivindo as granxas por mor do confinamento decretado. Desde UUAA lévase actuado con todas as empresas lácteas que operan na nosa Comunidade para adiar as negociacións de prezos e contratos dous meses, ate que se supere a crise social do coronavirus. Todas elas, salvo Leite Celta, accederon pola imposibilidade de poder levar adiante nin reunións nin asembleas cos gandeiros para informar e concretar un acordo.

A empresa portuguesa Leite Celta, lonxe de entender que no actual contexto non hai posibilidade de traballar e sentar bases para o diálogo, pretende aproveitarse miserablemente respecto doutras firmas para impoñer as súas prácticas mafiosas nas explotacións que lle entregan o leite. Unhas accións impresentables que chegan a obrigar as granxas a darse de baixa da organización de produtores ULEGA para impedir a futuro que poidan negociar de xeito conxunto a venta da súa produción.

Os servizos xurídicos de Unións Agrarias están estudiando emprender accións xudiciais contra Leite Celta por atacar o dereito de asociación dos produtores en base ás ameazas que están trasladando os seus transportistas de suspender a recollida do leite senón marchan de ULEGA.

A organización agraria esixe as administracións unha acción exemplarizante contra unhas prácticas tan indesexables e dálle un prazo de 24 horas a Leite Celta para desistir desta actitude mafiosa, do contrario dará inicio a unha campaña de sinalamento diante dos consumidores para que desistan de mercar os produtos da citada empresa portuguesa.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias