Santiago, 31 de marzo.- Unións Agrarias está a detectar a entrada masiva en España de leite e derivados producidos por debaixo de custos procedente de países como Francia, Alemaña ou Portugal. A organización cuantifica en ata 30 camións cisterna diarios –arredor de 1 millón de litros- os que cruzan as fronteiras españolas para abastecer o incremento da demanda que se está a dar nas superficies comerciais debido aos cambios nos hábitos de compra provocados pola crise do coronavirus.
A situación está sendo aproveitada polos países con excedentes na produción láctea para saldar as súas exportacións de leite líquido e derivados (fundamentalmente queixo alemán) cara ao mercado español con prezos de 14 céntimos/litro. Uns feitos que ameazan con provocar unha caída en cascada das cotizacións do leite en orixe; sobre todo en Galicia, que produce o 40% de todo o estado español e xa está na cola en canto a prezo.
Así, empresas de envasado e transformación están a mandar cartas aos seus gandeiros en Francia para advertilos de que han de baixar a produción porque non atopan mercado para colocar o leite salvo saldando con destino a España. Circunstancia que explica a posición baixista das empresas nas negociacións que estiveron tendo lugar nas pasadas semanas en Galicia coas transformadoras.
UUAA fai un chamado tanto aos Ministerios de Agricultura e Consumo como á Xunta de Galicia para que extremen a vixilancia. Neste sentido, a organización agraria pide que se fagan públicos os datos de entrada de leite en España; así como que se extreme o seguimento da trazabilidade das cisternas para impedir que o leite que transportan non acabe envasado como leite español.
Unións Agrarias reclama das administracións man dura contra prácticas comerciais como a venda a perdas pola incidencia nociva que ten na cadea de valor de todo o sector lácteo. A organización agraria quere tamén implicar aos consumidores e consumidoras a que dean un paso adiante na defensa do medio rural de Galicia e merquen so leite e derivados lácteos producidos e envasados en España. Para iso basta con revisar a etiqueta do envase para poder asegurarse de que se trata dun produto de proximidade.