Santiago, 3 de abril de 2020.- A organización Unións Agrarias denuncia a promoción da cadea de distribución DIA que oferta iogures a 0,12 euros a unidade. Un caso vergoñento de uso do leite como produto reclamo que causa aínda máis indignación por coincidir o seu lanzamento en plena crise do coronavirus. Un momento e unha situación ante a que os gandeiros están facendo un gran esforzo para manter a cadea de produción de alimentos activa.
Desde UUAA esíxese da Xunta de Galicia e o Ministerio que impoña o criterio de tolerancia cero contra a venta a perdas que practican algunhas cadeas de distribución na comercialización do leite. As administracións deben de ir máis alá das grandes declaracións de apoio ao sector e facer o seu traballo de fiscalización destas actitudes comerciais devastadoras para a formación dunha cadea de valor xusta para o leite.
A organización agraria advirte a DIA que no caso de que non retire das estanterías dos supermercados nun prazo máximo de 48 horas a nomeada oferta, iniciará unha campaña de sinalamento a través de tódolos medios dos que dispoña. UUAA, en calquera caso, xa vai a dar traslado e propoñer que se abra un expediente sancionador ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) á cadea de capital ruso DIA por introducir no mercado galego produtos en clara situación de venda a perdas.
UUAA xa advertira que este tipo de accións especulativas por parte das grandes superficies ían propagarse de maneira expoñencial debido á falta de cobertura legal que sofre a base produtora. Unha indefensión que ven dada pola falta de elementos reguladores esenciais, como son a figura dun mediador e un réxime de sancións duro e efectivo que castigue aos especuladores.
Finalmente, a organización fai un chamamento aos consumidores e consumidoras para que fagan unha compra responsable e solidaria coas familias de gandeiros, que teñen que malvender a súa produción para que os donos de multinacionais como DIA sigan engordando as súas contas bancarias. Os afiliados e afiliadas de UUAA manterán unha actitude vixiante nos distintos centros comercias para denunciar publicamente a aqueles que atentan contra a dignidade dos produtores lácteos de Galicia.