Ourense, 4 de abril de 2020.- A organización Unións Agrarias solicita á Consellería do Medio Rural un plan de contención das perdas que está a sufrir o sector da viticultura nas denominacións de orixe de viño ourensás.
A falta de liquidez que están a experimentar moitas das pequenas adegas polo falta de vendas na restauración, (especialmente na que está mais vinculada ao ocio e o turismo) vai provocar un efecto arrastre sobre a base dos produtores, que verá como terán que deixar produción sen recoller e a que sexa vendimada terá unhas cotizacións mínimas.
Para poñer freo a esta tendencia, desde UUAA reclámase a apertura dunha mesa de traballo na que se impulse a contractualización da compra-venda de uvas dun xeito eficaz, e que evite a especulación baixista que se practica desde determinadas empresas.
Por outra banda, Unións Agrarias solicita que se faga seguimento por parte da administración das importantes xeadas que padeceron un 30% das explotacións na comarca do Ribeiro. É preciso realizar unha rápida avaliación da amplitude dos danos para ver que posibilidades hai de recuperación das viñas e que porcentaxe debe de ser cuberto polos seguros ou compensacións porque sexan irrecuperables as plantas.