UUAA PIDE ANTICIPACIÓN NA CAMPAÑA CONTRA OS DANOS DO XABARIL

Malestar pola denegación masiva de solicitudes de axudas para prevención A sementeira comeza nun mes con gran preocupación por parte dos produtores

Unións Agrarias advirte da preocupación que existe no agro ante a inmediata campaña de sementeira que comeza a partir de maio, debido á notable presenza de xabaril ao pé das casas e dos cultivos ao terse reducido a presenza humana no agro como consecuencia das medidas de confinamento adoptadas en relación á loita contra a covid-19.

Unha vez rematada a campaña de caza a finais do mes de febreiro, e estando xa en tempada de veda ata o mes de setembro, só se autoriza cazar xabaril como medida extraordinaria por control de danos. A Xunta ten publicada unha resolución o pasado 21 de marzo que así o establece, aínda que con moitas limitacións; como autorizar unicamente accións de caza cun único cazador. Pero é preciso unha actitude proactiva da administración e dos TECOR ante o inicio da campaña da sementeira do millo que se irá poñendo en marcha de xeito escalonado nas diferentes comarcas produtoras de Galicia. Non chega con esperar a que aparezan os danos para ir detrás deles arrastras, mal e tarde.

Ante a situación xerada polas medidas de confinamento da covid-19, está claro que as posibilidades de control e seguimento das mandas de xabaril en cada TECOR se reducen, á vez que aumenta a aproximación destes animais ás casas e ás zonas cultivadas ao reducirse a presenza humana no agro. Por todo elo Unións entende que hai que planificar xa cos TECOR as distintas medidas de prevención para cada zona, así como ter previstas as medidas extraordinarias de control de poboación por caza a tomarse na campaña de sementeira. Así, ten que haber un listado de cazadores dispostos a realizar esperas en cada TECOR, e un procedemento simplificado e áxil de autorización deste tipo de actuacións que evite os problemas administrativos que se repiten todos os anos e que lastran a eficacia das accións.

Igualmente Unións quere facerse eco das denegacións de axudas para prevención de danos do xabaril e do lobo que están a recibir os agricultores e gandeiros que as solicitaran o ano pasado. A causa, segundo consta na resposta que a Xunta de Galicia lles está a remitir a eses solicitantes, de falta de fondos suficientes. O sindicato pide que estas solicitudes que quedaron fóra o ano pasado se aproben contra os fondos de prevención deste ano, evitando máis burocracia.

Asemade demanda da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade, e se garanta a colaboración da gardería de Medio Ambiente para que informen aos afectados e se involucren na busca de solucións nos casos en que o xabaril e o lobo afecten ás explotacións, poñendo en risco a súa viabilidade por baixas no gando no caso do lobo, ou por imposibilidade de obter rendementos viables nas parcelas de cultivo, no caso dos danos do xabaril.

Unións lembra que o xabaril, con ata 7 accidentes de tráfico ao día nas estradas galegas, e máis de 14 millóns de euros ao ano en danos na agricultura, aumenta a súa incidencia cada ano que pasa, sendo unha clara ameaza a actividade de centos de familias no rural galego, que precisan de solucións.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias