UUAA PIDE Á CONSELLERÍA QUE ABRA OS MERCADOS IGUAL QUE FIXO EUSKADI

A Comisión Sectorial do Ministerio debe frear as entradas de lácteos de saldo importados

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020.- Unións Agrarias pídelle á Xunta de Galicia que siga o exemplo doutras Comunidades para que os mercados locais e comarcais de produtos agrarios poidan estar en funcionamento a partir da próxima semana. A organización apunta que o regulamento que contempla o Estado de Alarma permite unha posibilidade que xa ten impulsado o Pais Vasco, grazas a facer esa lectura da normativa e tomando unhas medidas de seguridade extremas, dada a idade de moitos dos vendedores.

A organización agraria solicita que a Consellería de Medio Rural aproveite a Comisión Sectorial que celebrará mañá o Ministerio con todas as Comunidades Autónomas para solicitar a posta en marcha dun plan coordinado que permita identificar con claridade o leite que está a entrar no mercado español e coñecer a que vai destinado. Tal e como ven denunciando a organización agraria, cada día son máis os camións cisterna franceses e portugueses que abastecen as plantas de envasado españolas co leite de saldo procedente dos seus excedentes comerciais. Do mesmo xeito, desde Alemaña, Francia e Holanda están a chegar 950 toneladas diarias de queixo barato procedente dos seus centros de produción polo colapso dos mercados europeos.

A organización agraria insiste na necesidade de que se fagan públicos os datos de importacións de leite e derivados para poder coñecer a dimensión do problema. UUAA ten cuantificado en ata 30 camións cisterna –arredor de 1 millón de litros- os que cruzan as fronteiras españolas para abastecer o incremento da demanda que se está a dar nas superficies comerciais debido aos cambios nos hábitos de compra propiciados pola crise do Coronavirus. E alerta da necesidade de que Ministerio e Comunidades Autónomas colaboren para evitar que España se convirta no sumidoiro de Alemaña ou Holanda e frear prácticas de dumping que, ademais, supoñen un fraude para os consumidores, que non saben de onde procede o leite que adquiren.

Tamén no marco da comisión ministerial, UUAA propón que se actúe sobre as campañas de saneamento de vacún que están volvendo a poñerse en marcha, con grave risco de contaxio para os titulares de granxas debido á itinerancia dos veterinarios de inspección. Galicia conta cunha dos mellores ratios de prevalencia de animais enfermos por tuberculose- 0,05% por rabaño contra unha media do 34% en España-. Así, en 2018 sobre unha cabana de 789.000 houbo 38 positivos.

Unións Agrarias manifesta a súa preocupación pola redución das posibilidades de control e seguimento das mandas de xabaril a causa do Covid-19, á vez que aumenta a aproximación destes animais ás casas, estradas e zonas cultivadas ao reducirse a presenza humana no agro. Por todo elo Unións entende que hai que planificar xa cos TECOR as distintas medidas de prevención para cada zona, así como ter previstas as medidas extraordinarias de control de poboación por caza coincidindo coa campaña de sementeira. Así, ten que haber un listado de cazadores dispostos a realizar esperas en cada TECOR. E tamén un procedemento simplificado e áxil de autorización deste tipo de actuacións, que evite os problemas administrativos que se repiten todos os anos e que lastran a eficacia das accións.

Por último, Unións Agrarias anima á Consellería a trasladarlle ao Ministerio de Agricultura a necesidade dunha maior coordinación para que a Inspección de Traballo non dificulte nin penalice fórmulas de traballo colectivo habituais, como son o intercambio de axuda entre explotacións ou a man de obra familiar, que en ningún caso supoñen incorrer nun fraude laboral de contratación. UUAA tamén traslada ao conselleiro de Medio Rural a necesidade de potenciar a comunicación e a colaboración entre o seu departamento e as organizacións agrarias; tanto antes de xuntanzas sectoriais como a prevista para este xoves, para poder tratar de maneira conxunta os temas a abordar; como a posteriori, de xeito que sexa posible coñecer de primeira man o resultado das mesmas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias