Santiago, 25 de abril de 2020.- Unións Agrarias solicita á Consellería do Medio Rural un estudo de custos de produción para a viticultura de Galicia en todas as súas zonas produtoras. Unha análise que resulta imprescindible para poder acometer unha negociación colectiva eficaz e xusta entre os produtores e as adegas.
A organización agraria está a colaborar, a través do Consello Regulador, no plan estratéxico que está a desenvolver a Universidade de Santiago no Ribeiro grazas ao financiamento da Deputación de Ourense. Unha das recomendacións do citado documento é precisamente realizar unha pescuda para coñecer canto custa realmente producir un quilo de uvas para despois poder levalo a un contrato de aprovisionamento.
En Galicia, dependendo das colleitas, recóllense uns 32 millóns de quilos na DO Rías Baixas, 8 no Ribeiro, 6 en Valdeorras, 5 en Ribeira Sacra e 4 en Monterrei.
A actual situación de estado de alarma provocou unha forte falta de liquidez nas adegas, sobre todo nas pequenas, debido á ausencia de vendas na restauración -especialmente na que está máis vinculada ao ocio e ao turismo-. O que vai a provocar un efecto arrastre sobre a base dos produtores, que moi probablemente terán que deixar produción sen recoller e, no caso da que sexa vendimada, atoparánse cunhas cotizacións mínimas.
Para poñer freo a esta tendencia, desde UUAA reclámase a apertura dunha mesa de traballo na que se impulse a contractualización da compra venda de uvas dun xeito eficaz que evite a especulación baixista que se practica desde determinadas empresas. Tamén é importante ter directrices claras no control de excedentes e tratamento de añadas.