AS SUPERFICIES LÚCRANSE COS BAIXOS PREZOS DOS PRODUTORES

O IPC de abril reflicte un aumento dos prezos dos alimentos na distribución dun 4%

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020 – Unións Agrarias denuncia que o custo dos alimentos na cesta da compra subiu durante o mes de abril, mentres que os prezos en orixe para os produtores experimentaron un descenso e caeron as vendas. Unha vez publicado o dato do IPC do mes de abril, confírmase oficialmente o que os cidadáns estaban a constatar durante os días do confinamento ao longo do pasado mes de abril: a suba interanual dos alimentos frescos na cesta da compra dun 4%, fronte ao 2,5% de marzo, cunha escalada dos frescos do 6,9% e do 2,2% dos envasados.

Unións Agrarias quere destacar que esta suba no prezo da cesta da compra para os cidadáns non se ten orixinado no campo. Xa que, lonxe de subir os prezos en orixe dos principais produtos do agro galego, como o leite, a carne de vacún, o ovino, o cabrún ou as patacas e hortalizas; rexistráronse baixadas significativas como a caída de máis do 20% no prezo da carne. Así como problemas de todo tipo á hora de dar saída aos animais cara os matadoiros. Ademais, hai evidencias de que en sectores como o leite están a entrar excedentes doutros países da Unión Europea a prezos por debaixo do custo de produción.

A organización agraria tamén destaca a situación dos produtores de leite ecolóxico, que nas últimas semanas viron como caían as súas cotizacións en 6 céntimos/litro, pasando de 48 a 42 céntimos, mentres que nos lineais os prezos se manteñen. Ademais, algúns gandeiros deste sector estanse a atopar na situación de que non teñen quen lles recolla a produción, polo que teñen que vendela como leite estándar, coas perdas que isto representa.

Evidénciase unha vez máis o deficiente funcionamento da cadea de valor nos produtos agroalimentarios, e como o mercado é incapaz de remunerar axeitadamente aos produtores cando se están a dar situacións de concentración e falta de competencia na distribución. O que na práctica imposibilita a capacidade de negociación dos produtores e as súas organizacións á hora de fixar uns prezos xustos. Nesta situación de crise evidénciase a necesidade de reforzar as disposicións e instrumentos previstos na Lei da Cadea Alimentaria para acadar unha formación xusta de prezos; que repercuta en todos os elos desta cadea, alcanzando ao produtor que é a parte máis débil e evitando movementos especulativos que só perxudican ao consumidor.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias