UUAA ALERTA DO INCREMENTO DE ROUBOS DURANTE A CUARENTENA

Pide á Delegación do Goberno que se incremente a vixilancia nas aldeas e vilas

Santiago, 5 de maio de 2020.- Unións Agrarias alerta do incremento de roubos que se está a dar no medio rural galego coincidindo coa limitación de movementos derivados do estado de alarma. Delitos que teñen por obxectivo os alpendres que se atopan a certa distancia dos núcleos habitados, polo que a ausencia de veciños preto facilita a comisión do delito.

A organización está a recibir na súa rede de oficinas constantes queixas por parte dos afiliados polos recorrentes roubos de apeiros e gando nalgunhas aldeas e vilas. Unha problemática que en parte ven derivada de que a menor presenza de persoas no espazo público provoca que os delincuentes se sintan mais seguros na súas actividades ilegais pola falta de testemuñas ou denuncias.

Para informar desta situación, Unións Agrarias tense dirixido ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, co obxectivo de que se reforcen as patrullas rurais e se adapten os protocolos de protección á situación de confinamento na que nos atopamos.

UUAA non dubida en manifestar o seu apoio ao gran traballo e dedicación que a Garda Civil e a Policía están demostrando nuns momentos tan complicados como os que estamos a vivir. Pero pide maior vixilancia en vilas e aldeas para evitar que os agricultores e gandeiros perdan maquinaria, colleitas ou animais tendo en conta a situación económica na que se atopan.

Por todo isto a organización destaca a necesidade dunha maior intensidade na vixilancia e seguridade do rural que permita frear na medida do posible estes roubos e impedir así que cheguen ao mercado negro as colleitas e as pezas da maquinaria sustraída e logo desguazada. Así como modificar as penas por reincidencia no Código Penal, e que se realice unha valoración do dano que produce o roubo na actividade diaria das explotacións.

Por outra banda, e dada a media de idade alta dos habitantes do rural, unha maior presencia de axentes da orde axudaría a xerar un clima de maior tranquilidade e menor vulnerabilidade entre os veciños.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias