Santiago de Compostela, 6 de maio de 2020 – Unións Agrarias advirte da insuficiencia do marco actual de caza para obter un nivel axeitado de eficacia na prevención dos danos do xabaril; e propón estender a modalidade de caza dos “recechos” ou axexos aos métodos de control autorizables para o control de danos durante o período de veda. Trátase dun tipo de caza intermedia entre as esperas e as batidas que combina as vantaxes de ambos sistemas, xa que se poden realizar entre dous cazadores e no entorno das fincas con danos; pero con maior mobilidade que nas esperas. Ademais non precisan dun gran despregue de cazadores e medios, como acontece no caso das batidas.
Hai que ter en conta que é durante o período de veda de caza do xabaril, de marzo a setembro, cando se concentran a maior parte dos danos na agricultura; especialmente coincidindo coa campaña da sementeira do millo entre maio e xuño, e posteriormente coa madurez da espiga a partires do mes de agosto. O millo forraxeiro que se cultiva en Galicia acada as 68.000 hectáreas, cunha produción de preto de 100 millóns de euros de valor que se concentra nas comarcas de maior actividade gandeira.
A maior parte dos problemas danse pola falta de axilidade nas autorizacións de intervención por danos, que demoran mentres os cultivos se ven reiteradamente atacados. Así como pola falta real de colaboración dalgúns TECOR e sociedades de caza, e pola baixa eficacia da modalidade das esperas. As estatísticas da Xunta mostran unha eficacia destas últimas non superior ao 10%, xa que o 90% das veces que se realizan esperas non se abaten animais, e o método non funciona para alonxar as mandas de xabarís dos cultivos.
A modalidade de caza que propón Unións Agrarias pode ser aprobada pola Consellería de Medio Ambiente de inmediato, e tería gran eficacia para reducir os danos do xabaril na agricultura e a alarma social que esta especie provoca no rural galego. Por todo elo a Xunta de Galicia e a Consellería que dirixe Ánxeles Vázquez debe dar un paso adiante na coordinación das accións de prevención cos TECOR e sociedades de caza e autorizar esta modalidade de caza; xa recollida na Lei 13/2013 de Caza de Galicia, pero que se debería habilitarse de forma expresa para o xabaril durante a época da veda e para o control de danos.
UUAA demanda igualmente da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade. Así como que se garanta a colaboración da gardería de Medio Ambiente para que se informe aos afectados e que se involucren na busca de solucións. Nese senso, cabe lembrar que os ataques da fauna salvaxe supoñen un risco para á viabilidade das explotacións: debido ás baixas que provoca no gando no caso do lobo; ou por imposibilidade de obter rendementos viables nas parcelas de cultivo no caso do xabaril.
Unións lembra que o xabaril, con máis de 3 accidentes de tráfico ao día nas estradas galegas e máis de 14 millóns de euros ao ano en danos na agricultura, aumenta a súa incidencia cada ano que pasa; sendo unha clara ameaza para a actividade de centos de familias no rural galego, que precisan de solucións.