Santiago, 10 de maio de 2020.- A organización Unións Agrarias denuncia retrasos no pago das axudas dos Plans de mellora para as explotacións que teñen cumpridas todas as certificacións dos seus expedientes desde o mes de outubro. Unha situación que reviste especial gravidade tendo en conta que na maioría dos casos se corresponde con solicitudes feitas en zonas de montaña e desfavorecidas de Lugo e Ourense.
Do mesmo xeito, moitos dos mozos e mozas que se acolleron á liña de apoio á incorporación de xoves ás explotacións seguen sen recibir os fondos imprescindibles para arrincar o seu traballo á fronte das explotacións.
Unións Agrarias lembra que o Goberno galego se comprometera no inicio da crise da Covid-19, a adiantar todos o pagos pendentes para favorecer a liquidez dos produtores, polo que os gandeiros adiantaron pagos para tramitacións e licencias co fin de acollerse aos citados fondos. Por iso non entende a actitude de bloqueo dos fondos por parte dos funcionarios da Intervención Xeral da Xunta de Galicia nun momento dramático como o actual.
Na actual situación, o medio rural galego non se pode permitir retrasos na obtención desta importante inxección económica; que afecta non so á mellora das explotacións senón a centos des empresas de servizos e construción radicadas en vilas e cabeceiras de comarca para as que as obras nas granxas son un dos principais motores de aceleración da súa actividade.
Hai que lembrar que a media de investimento por explotación é de 150.000 euros, co que iso supón na economía local. E tampouco hai que esquecer que por cada 3 euros públicos que reciben, os gandeiros teñen que poñer 7 a maiores, e que por enriba destes 3 euros postos pola administración galega o 75% proceden de fondos europeos.
As explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posibles a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo, pero para iso necesitan investimentos case constantes nas súas explotacións: para mellorar o benestar animal, reducir custos, cumprir coas esixencias medioambientais, etc. Polo que esta liña de axudas é fundamental, e o seu pagamento non pode demorar por máis tempo.