Santiago, 15 de maio de 2020.- Unións Agrarias non ve operativo o plan de axudas ao sector vitivinícola pola crise de mercado derivada da pandemia da Covid-19 que acaba de presentar o Ministerio de Agricultura. Ningunha das grandes medidas anunciadas no BOE van a facilitar o relanzamento do sector do viño galego pola falta de adecuación a Galicia. E así o fará constar a organización nas alegacións ao texto proposto, nas que solicitará que se respecte a especificidade do modelo de viticultura social galega.
Tanto a destilación de crise; consistente en derivar á elaboración de vinagres e alcol de uso sanitario parte do viño almacenado; como o almacenamento privado de excedentes, non son opcións viables, posto que fixan mínimos de 5.000 litros. O que deixaría ás adegas medianas e pequenas de Galicia fóra. Tampouco a vendima en verde é aplicable, porque a produción de uva galega está moi axustada e resulta moi prematuro pensar nun exceso de froito para a vendima. Respecto á posibilidade de opotar pola mistura de añadas empregando ata un 30% de viño vello, opción que se valoraba a semana pasada desde Medio Rural, Unións Agrarias considera que tampouco esta opción ten fácil concreción debido ás limitacións da UE, (só permite chegar a un 25%, e nuns casos moi específicos).
O confinamento derivado do actual de Estado de Alarma provocou unha caída nas vendas nas adegas, sobre todo das pequenas, pola peche do canal HORECA, -especialmente nos establecementos máis inviculados ao ocio e o turismo-, o que pode dificultar o almacenamento e comercialización da produción da vindeira vendima. Así as cousas, UUAA propón que Xunta e Ministerio xunten esforzos para a elaboración dun plan adaptado a morfoloxía do sector do viño de Galicia; no que teña unha presencia relevante a viticultura social, de segunda actividade, así como as pequenas adegas con edicións curtas pero con prezos altos con destino á restauración. Unha posta en común entre goberno central e autonómico que haberá de servir para definir que parte dos 74 millóns de euros anunciados para contrarrestar os efectos da crise do coronavirus en todas as zonas produtoras de viño españolas lle corresponderá directamente a Galicia.
Para Unións Agrarias é imprescindible a apertura de mesas de traballo en todas as denominacións de orixe nas que senten produtores, consellos e adegas de cara a trazar un plan de impulso sectorial. Nese sentido, a organización agraria pide que se aceleren os estudos de custos de produción vitivinícolas que patrocinan Medio Rural e Deputación de Ourense para que se publiquen no mes de xullo, e poidan así ter efecto sobre a vendima deste ano. A organización tamén reclama da Xunta de Galicia que vincule calquera liña de liquidez ás adegas á garantía de recollida da uva a prezos que cubran os custos de produción. Así como que se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro público que permita certificar que se cumpre coa lexislación vixente.
Finalmente, Unións Agrarias pide á Consellería que emita circulares ás oficinas agrarias informando e uniformado o criterio respecto dos prazos de xustificación dos plans de reestructuración de viñedos.