UNIÓNS INSTA A TECORES E MEDIO AMBIENTE A ACTUAR DE INMEDIATO PARA SALVAR A CAMPAÑA DA SEMENTEIRA EN VIMIANZO

Denuncia os danos xeralizados do xabarín na parroquia de Salto, en Vimianzo

Carballo, 19 de maio de 2020.– Unións Agrarias ven trasladar á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña as queixas xeralizadas que está a recibir de produtores da parroquia de Santa María de Salto en Vimianzo debido á intensidade dos danos producidos por mandas incontroladas de xabarín nos terreos de cultivo que se están a sementar ao inicio desta campaña de sementeira do millo forraxeiro do 2020.

Os produtores denuncian a imposibilidade de sacar adiante con normalidade o seu traballo nas aproximadamente 350 hectáreas que se están a sementar nesta parroquia, e que son o sustento de máis de 12 explotacións, fundamentalmente produtoras de leite. Dase a circunstancia de que os xabaríns están moi adaptados á presenza humana e ata van detrás dos tractores segundo van botando o millo nos regos de plantación. Unha situación límite que require dunha actuación inmediata que reduza a presenza destes animais nas terras de cultivo. E que permita recuperar a normalidade da campaña da sementeira nun momento especialmente delicado para os produtores de leite, que dependen da producion de millo para garantir a alimentación do gando durante todo o ciclo produtivo.

Dase a circunstancia ademáis de que esta parroquia limita cos concellos de Zas e Laxe, polo que calquera programación de control de danos e redución da presenza de xabaríns debería de coordinarse coas Sociedades de Caza destes municipais para ser eficaz. Por elo e ante a complexidade da situación, Unións Agrarias insta á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería que dirixe Ánxeles Vázquez a exercer as súas competencias e coordinar una acción decidida cos TECOR que devolva a normalidade a estas explotacións; limitando a presenza dos xabaríns e reducindo os danos e o nivel de incerteza e preocupación das explotacións que dependen deste cultivo.

Unións lembra que, independentemente da fase do Estado de Alarma, a caza do xabarín por control de danos está autorizada. Polo que non caben excusas de ningún tipo para non desenvolver medidas que reduzan a presenza destes animais nesta comarca gandeira tan importante de Galicia. Nese senso, a organización lembra que o porco bravo supón unha ameaza para o millo tanto agora, durante a sementeira, como no momento de maduración das espigas, a partires de agosto. Polo que a presión sobre esta especie debe de manterse nos próximos meses empregando os instrumentos previstos na mormativa; que deben ser autorizados pola Consellería de Medio Ambiente coa máxima premura.

Unións tamén lembra que, segundo a Lei 13/2013 de Caza de Galicia, son os TECOR e Sociedades de Caza os responsables do control dos danos; así como de indemnizar aos agricultores e gandeiros cando estes se producen. E é que no mes de febreiro o Parlamento de Galicia rexeitou a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola organización agraria, e avalada por máis de 6.500 sinaturas de homes e mulleres do rural galego, que pretendía trasladar estas responsabilidades á Xunta de Galicia. Razón pola cal os produtores da zona xa se están a organizar para documentar os danos e requerir xudicialmente a súa compensación económica.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias