Hai algúns meses que as industrias lácteas foron multadas por Competencia con case 90 millóns de euros. Unha sanción que corrobora as prácticas ilexítimas nas que estas incorreron, ao pactar de xeito ilícito prezos anormalmente baixos para o leite en orixe entre 2000 e 2013. E que avala o dereito dos gandeiros a reclamar os ingresos que dese xeito lles foron furtados.
Máis dun milleiro de afectados, de Galicia e tamén doutras Comunidades, xa teñen confiado en Unións Agrarias para tramitar a correspondente reclamación. Pero os damnificados por estas prácticas ilexítimas son moitos máis, e nós cremos que é de xustiza que todos e cada un deles cobren o que é seu. O 11 de xullo remata o prazo para reclamar, polo que o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; e o responsable de Área Externa e coordinador do equipo xurídico da organización, Félix Porto; animan aos gandeiros que aínda non teñan dado un paso adiante a non deixar pasar a ocasión, e a reclamar o que lles corresponde.
Os servizos de Unións Agrarias están á disposición de todos os gandeiros interesados, sexan ou non asociados da organización, para axudalos no proceso. Tanto se seguen en activo como se xa están xubilados; ou aínda que pecharan a explotación e agora se dediquen a outra cousa; teñen dereito recuperar os cartos que, de xeito ilegal, lles quitaron do peto durante alomenos 13 anos.