ALARMA POLO AVISO DE ADEGAS EN VALDEORRAS DE NON COLLER UVAS

Para UUAA é inasumible que pretendan deixar 2 millóns de quilos fóra da vendima

O Barco, 27 de maio de 2020.- Unións Agrarias alerta da intención dalgunhas adegas da denominación de orixe Valdeorras de deixar uvas sen recoller na vindeira vendima. Unha situación derivada do anuncio de tres adegas da comarca, que xa terían transmitido aos viticultores a súa intención de non dar entrada a preto de 2 millóns de quilos de uva.

Se se confirma esta noticia, a organización agraria manterá unha oposición frontal contra unha estratexia de ameazas xa coñecida; e que unicamente procura a caída dos prezos que se paga aos viticultores. Neste momento, a moitos meses da vendima, resulta completamente frívolo afirmar que existen excedentes de uvas; máis aínda vendo os problemas de mildio que comezan a padecer en Rías Baixas ou no Ribeiro.

UUAA pide á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa de Valdeorras para establecer unha bases de traballo leais e eficaces para a produción desta DO. Nomeadamente debido á falta de operatividade do plan de axudas ao sector vitivinícola pola crise de mercado derivada da pandemia da Covid-19 presentado polo Ministerio de Agricultura.

O confinamento derivado do actual Estado de Alarma provocou unha caída nas vendas das adegas, sobre todo as pequenas, debido ao peche do canal HORECA, -especialmente naqueles establecementos máis vinculados ao ocio e o turismo-. Unha situación que pode dificultar o almacenamento e comercialización da produción da vindeira vendima. UUAA, propón que Xunta e Ministerio xunten esforzos para a elaboración dun plan adaptado á morfoloxía do sector do viño en Galicia; no que teñan unha presencia relevante a viticultura social, de segunda actividade e as pequenas adegas con edicións curtas pero con prezos altos con destino a restauración.

Esta posta en común haberá de servir para definir que parte dos 74 millóns de euros anunciados polo Goberno central para contrarrestar os efectos da crise do coronavirus en todas as zonas produtoras de viño españolas lle corresponderá directamente a Galicia.

Para Unións Agrarias é imprescindible a apertura de mesas de traballo en todas as denominacións de orixe nas que senten produtores, consellos e adegas de cara a trazar un plan de impulso sectorial. Nese sentido, a organización agraria pide que se aceleren os estudos de custos de produción vitivinícolas. E reclama da Xunta de Galicia que vincule calquera liña de liquidez ás adegas á garantía da recollida da uva; así como a un compromiso de prezos suficiente para cubrir os custes de produción. Ademais, lembra a necesidade de que os contratos de abastecemento entre adegas e produtores se depositen nun rexistro público, de maneira que sexa posible certificar que se cumpre coa lexislación vixente.

Finalmente, Unións Agrarias pide á Consellería que emita circulares ás oficinas agrarias informando e uniformado o criterio respecto dos prazos de xustificación dos plans de restructuración de viñedos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias