UUAA ALERTA DUNHA CAÍDA DE INGRESOS DE 36 MILLÓNS DE EUROS NAS EXPLOTACIÓNS DE CARNE A CONSECUENCIA DA COVID19

Demanda axudas directas que aporten liquidez e eviten peches

Santiago, 27 de maio de 2020.- Unións Agrarias advirte da grave situación que enfronta o sector produtor de carne de vacún en Galicia ante a crise de prezos e mercados provocada polo impacto da Covid19. A organización estima en 36 millóns de euros a contía que as explotacións galegas deixarán de ingresar neste 2020. Polo que urxe unha rápida intervención pública que permita dar liquidez ás 10.700 familias do rural que viven profesionalmente desta actividade.

Ao longo deste ano as explotacións de vacún de carne galegas perderán o 23% dos seus ingresos e deberán facer fronte a un aumento dos custos de produción do 7%. Son os alarmantes efectos que a Covid19 xa está a provocar no sector; e que sen dúbida continuarán e mesmo se verán agravados nos vindeiros meses. Motivo polo cal a organización agraria insta á Xunta de Galicia a tomar boa nota e a comezar a traballar coa máxima premura nun plan axeitado á magnitude do problema.

O prezo que os gandeiros galegos perciben pola carne dos seus animais ten caído nun 10% dende marzo. Un dato ao que hai que engadir unha estimación de diminución das vendas que acadará o 15% a fin de ano con respecto da campaña de 2019. Asemade, Unións calcula un aumento mínimo do 7% dos custes de produción; asociado á necesidade de prolongar a idade media de sacrificio dos becerros ante as dificultades para colocalos no mercado.

A perda deses 36 millóns suporá un duro golpe, difícil de encaixar para moitas explotacións. Unha situación que, se non se toman medidas, porá ao sector contra as cordas e podería levar ao peche a centos de explotacións que xa se atopan ao límite de rendabilidade; coa conseguinte fractura económica, social e medioambiental que iso suporía para o rural galego.

Por elo Unións Agrarias demanda da Xunta de Galicia a inmediata posta en marcha dunha liña de axudas directas que compense ás explotacións por esta perda de ingresos. Unha inxección que as explotacións deberían percibir antes do 31 de decembro para poder contar coa liquidez necesaria para afrontar gastos, cubrir rendas e evitar peches e abandono do rural.

A organización agraria insta ao goberno autonómico a habilitar coa máxima premura o orzamento preciso para salvar a un sector fundamental; tanto para o abastecemento da cadea alimentaria como para o mantemento dun rural vivo. Para elo, ademais da habilitación desas axudas directas, Unións insta á reprogramación dos Fondos europeos do FEADER do PDR de Galicia nas Medidas 10 (Agroambiente e Clima) e 13 (Pagos a Zonas con Limitacións Naturais); de xeito que se aumente un 33% o módulo de euros/hectárea que perciben os agricultores e gandeiros galegos en concepto destas axudas. Trataríase de reprogramar 11 millóns de euros cara estas dúas liñas, dos cales aproximadamente 8 millóns se corresponden con explotacións de carne de vacún. Un reforzo de renda complementario para as explotacións de carne, especialmente as que se atopan nas zonas de montaña da Galicia interior.

Asemade Unións Agrarias insta á Xunta a actuar coa previsión precisa para garantir a continuidade destas axudas ata a súa renovación no próximo período de programación dos Fondos FEADER de Desenvolvemento Rural; co obxectivo de evitar que as explotacións queden sen elas no período transitorio, como xa ocorreu nos anos 2013 e 2014.

A organización agraria lembra que do futuro destas explotacións depende o abastecemento de carne do mercado nacional. Así como a supervivencia das 212.000 hectáreas de pastos que mantén esta cabana gandeira; fundamentais para evitar incendios catastróficos e frear a propagación das lapas ao facer as veces de cortalumes naturais.

pastedGraphic.png

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias