UUAA PIDE A CONVOCATORIA DA MESA DO VIÑO EN RÍAS BAIXAS

A organización esixe a posta en marcha dun plan adaptado á DO

Cambados, 1 de xuño de 2020.- UUAA pide á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa de Rías Baixas para establecer unha base de traballo leal e eficaz para a produción da denominación de orixe. Nomeadamente pola falta de operatividade do plan de axudas ao sector vitivinícola pola crise de mercado derivada da pandemia da Covid-19 presentado polo Ministerio de Agricultura.

O confinamento derivado do actual de Estado de Alarma provocou unha caída nas vendas nas adegas, sobre todo das pequenas, pola peche do canal HORECA e o descenso da actividade hostaleira -especialmente da máis vinculada ao ocio e o turismo-. Situación que pode dificultar o almacenamento e comercialización da produción da vindeira vendima. UUAA, propón que Xunta e Ministerio xunten esforzos para a elaboración dun plan adaptado á morfoloxía do sector do viño, no que teñan unha presencia relevante a viticultura social e de segunda actividade e as pequenas adegas con edicións curtas pero con prezos altos con destino a restauración. Esta posta en común haberá de servir para definir que parte dos 74 millóns de euros anunciados polo Goberno para contrarrestar os efectos da crise do Coronavirus en todas as zonas produtoras de viño españolas corresponderá directamente a Galicia.

Para Unións Agrarias é imprescindible a apertura de mesas de traballo en todas as denominacións de orixe nas que senten produtores, consellos e adegas de cara a trazar un plan de impulso sectorial. Nese sentido, a organización agraria pide que se aceleren os estudos de custes de produción vitivinícolas. A organización reclama da Xunta de Galicia que vincule calquera liña de liquidez ás adegas á garantía de recollida da uva a prezos que cubran os custes de produción. Así como que se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro público para certificar que estes cumpren coa lexislación vixente.

Finalmente, Unións Agrarias tamén pide á Consellería que emita circulares ás oficinas agrarias informando e uniformado o criterio respecto dos prazos de xustificación dos plans de restructuración de viñedos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias