UUAA solicita axuda urxente para o sector da carne de vacún de Ourense

Está en xogo o futuro de 2.000 traballadores dun sector estratéxico para a economía e rural ourensán

O responsable de Producións Extensivas de Unións Agrarias, José Ramón González, explicou este xoves en rolda de prensa as graves consecuencias que as perdas continuadas das explotacións de carne de vacún ourensás poden ter para a economía desa provincia. O voceiro da organización agraria puxo en valor o papel dun sector estratéxico dun altísimo valor socioeconómico; e instou á Xunta de Galicia a habilitar coa máxima urxencia axudas que eviten peches e que garantan a viabilidade dunha actividade que emprega arredor de 2.000 persoas.

Tal e como destacou González, falar de 2.000 postos de traballo é unha cifra máis que reseñable no contexto ourensán. Unha provincia para a que o sector da carne de vacún representa o que Alcoa pode ser para a Mariña, ou Citroën para a área de influencia de Vigo. Porén, mentras as administracións traballan arreo e habilitan liñas de axuda e plans específicos para outros sectores, os graves problemas que atravesan as explotacións de carne non están a recibir a máis mínima atención das administracións.

O voceiro de UUAA lembrou que no caso da gandería non son válidas ferramentas que si teñen servido para axudar a outros sectores a sobrelevar a crise sanitaria da Covid19; pois de ningún xeito é posible ir ao paro ou acollares a un ERTE e deixar as vacas en stand by ata que as condicións melloren.

Producir un quilo de carne de vacún cústalle ao gandeiro entre 5.05 e 5,37 euros. Porén, desde que comezou o estado de alarma as explotacións galegas están cobrando apenas 4 euros. Así as cousas, igual que as do resto de Galicia, as explotacións de vacún ourensás levan tres meses sacando cartos do peto para poder facer fronte ao día a día e manter a actividade. Pero o tempo corre e a situación vólvese cada vez máis insostible, polo que Unións Agrarias insta á Xunta a actuar sen demora e a habilitar unha liña de axudas específica que infecte solvencia, evite peches e garanta a viabilidade do sector.

A organización agraria lembra que falar do futuro do sector cárnico é tanto como falar do futuro do medio rural ourensán. E é que se trata dunha actividade estratéxica; imprescindible para fixar poboación e frear o abandono; e de vital importancia para a xestión territorial da provincia que máis adoita sufrir a lacra dos incendios forestais. Nesa liña, o voceiro de Unións destacou que implementar a inxección económica que as explotacións de carne precisan neste momento para saír adiante supón apostar polo aforro. E lembrou o alto custo das tarefas de extinción, o prexuízo ambiental e o risco para as persoas que supoñen os lumes.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias