A VITICULTURA GALEGA RECIBIRÁ SÓ MIGALLAS DAS AXUDAS DA COVID-19

UUAA insiste na necesidade de modular a Orde para que acolla o modelo de produción de Galicia

Santiago, 10 de xuño de 2020.- Unións Agrarias ve como unha ocasión perdida a concreción do plan de axudas ao sector vitivinícola anunciado polo Ministerio de Agricultura -e coñecido pola Xunta de Galicia-, para paliar a crise de mercado derivada da pandemia da Covid-19. Tal e como a organización agraria xa denunciou unha vez coñecido o borrador, ningunha das grandes medidas aprobadas van a facilitar o relanzamento do sector do viño en Galicia por falta de adecuación á súa realidade.

O anuncio de investir mais de 90 millóns de euros en enxugar perdas na viticultura a nivel estatal deixará en Galicia tan só as migallas. E é así porque nin a administración autonómica nin a central fixeron ningún esforzo para a elaboración dun plan adaptado á morfoloxía e ás necesidades do sector do viño en Galicia; para o que sería preciso dotar dunha presencia relevante á viticultura social e de segunda actividade ou ás pequenas adegas con edicións curtas pero con prezos altos con destino a restauración.

Para corrixir esta situación UUAA ve imprescindible a apertura de mesas de traballo en todas as denominacións de orixe nas que senten produtores, consellos e adegas de cara a trazar o plan de impulso sectorial que a viticultura galega precisa. Así se lle trasladou por carta no seu momento á Consellería do Medio Rural, sen que ata o de agora se teña convocado ningunha reunión nin se presentaran os estudos de custos vitivinícolas precisos para poder afrontar a próxima vendima cun equilibrio na negociación de prezos.

Unións Agrarias insiste na necesidade de que o Goberno galego vincule calquera liña de apoio económico para inxectar liquidez ás adegas coa garantía de recollida da uva a prezos que cubran os cutos de produción. E solicita que se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro público que permita certificar que efectivamente se cumpre coa lexislación vixente.

O confinamento derivado do Estado de Alarma provocou unha caída nas vendas das adegas, sobre todo das pequenas, debido ao peche do canal HORECA e as restriccións vinculadas ao ocio e o turismo. Unha situación que pode dificultar o almacenamento e a comercialización da produción da vindeira vendima. Polo que UUAA propón que Xunta e Ministerio xunten esforzos. A destilación de crise, así como o almacenamento privado de excedentes, non é viable para Galicia porque fixan uns mínimos que deixarían fóra ás adegas medianas e pequenas. Tampouco a “vendima en verde” é aplicable ao modelo galego, debido á que a produción de uva das DOs da nosa Comunidade está moi axustada e resulta moi prematuro pensar nun exceso de froito para a vendima.

Finalmente, Unións Agrarias pide á Consellería do Medio Rural que poña orde nas oficinas agrarias; que non entenden que a suspensión xeral dos prazos administrativos por mor do estado de alarma tamén afecta aos plans de reestructuración de viñedos. Non se entende que logo de terse comunicado un aprazamento de dous meses agora se estean esixindo execucións; salvo que ese proceder sirva para agochar un problema de liquidez nas axudas que esté tratando de taparse adiando os pagos aos produtores.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias