Vendiches leite entre 2000 e 2013? As industrias débenche cartos, e o tempo para reclamalos está a punto de expirar! O responsable de Área Externa e dos servizos xuríficos de Unións Agrarias, Félix Porto, animou hoxe aos gandeiros afectados a dar un paso adiante para non deixar pasar a súa oportunidade de recuperar o que, por xustiza, lles pertence. O prazo legal para facelo concluía inicialmente o 11 de xullo. Porén, as condicións excepcionais do estado de alarma teñen engadido dous meses máis a esa data.
Na recta final antes de que prescriba o período de reclamación, lembrámoslles aos gandeiros que, segundo os nosos cálculos, poden optar a recuperar como mínimo o 10% do valor do leite que venderan durante o período ao que afecta a sanción imposta por Competencia ás industrias. Isto é, arredor de tres céntimos por litro vendido. Aínda que, obviamente, haberá que agardar á resolución xudicial para que esa cantidade se concrete, cremos que deixar pasar a oportunidade de reclamar non é unha opción.
Se decides contar con Unións para acompañarte nesta andaina, a nosa organización asumirá todos os gastos do procedemento. Cobraremos unicamente se ti cobras, e no momento no que o fagas. Nunca antes. Se é así, e finalmente acadamos o resultado favorable agardado, UUAA percibirá o 10% da indemnización conseguida no caso de que o reclamante sexa membro da organización, e o 20% se non o é.