Queremos que a cidadanía saiba que, a pesar de que o custo da cesta da compra non baixou, dende que comezou a crise da covid-19 os gandeiros galegos vense forzados a vender a carne dos seus animais por menos do que lles custa producila. Queremos que os consumidores sexan conscientes de que, por inaudito que pareza, existen cadeas galegas que non contan con tenreira galega certificada nos seus andeis. Queremos que as administracións entendan que o feito de que os gandeiros non deixasen de traballar nada ten que ver con que non sufriran as consecuencias da pandemia. O que o sector fixo foi un enorme acto de responsabilidade ao deixar aparcadas as súas reivindicacións para centrarse en garantir o suministro alimentario nuns momentos moi delicados. E fíxoo a pesar de que, dende o inicio do estado de alarma, os prezos da carne en orixe afundiron aínda máis.
A situación é insostible. Por iso instamos ás administracións a dar un paso á fronte e a brindar o apoio preciso a un sector imprescindible para o futuro do noso medio rural. E é que falar de gandería non é tan só falar de vendas ou de volume de negocio: é falar de oportunidades, de demografía e de loita contra o despoboamento e os incendios forestais.
A Covid-19 non pode ser a eterna excusa. O estado de alarma rematou, a hostalaría volve funcionar con normalidade, o consumo mantense e a cesta da compra subiu. Sen embargo a situación dos gandeiros non mellora. Por iso instamos ás administracións a dar un paso adiante para garantir a viabilidade dun dos poucos sectores que nos últimos meses non recibiu ningún apoio.