Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020 – A oficina comarcal de Unións Agrarias en Arzúa está a recibir numerosas queixas dos seus afiliados de Boimorto polos excepcionais danos que este ano está a producir o xabaril nas parcelas sementadas de millo. Feito que está obrigando aos produtores a volver sementar ata tres veces para tentar sacar a colleita adiante, asumindo un incremento de custos que afecta a decenas de hectáreas de plantación.
Este é un problema reiterado, pois xa o ano pasado houbo queixas xeralizadas ante a pasividade do TECOR local, existindo incluso reunións coa Consellería onde chegou a barallarse a alternativa de traer cuadrillas de caza de fóra de Boimorto (excepción que permite a Lei 13/2013 de Caza de Galicia) para executar as medidas de control de danos precisas para que os produtores do concello puideran sacar adiante os seus cultivos sen perdas cuantiosas. Finalmente esta intervención non se levou a cabo polo compromiso do TECOR da localidade de xestionar axeitadamente o malestar dos agricultores e traballar para reducir os danos. Compromiso que non se cumpriu na práctica durante a presente tempada de caza, na que simplemente se continuou coas ineficaces prácticas precedentes.
Tras un outono e inverno de cuantiosos danos nos prados que afectaron á posibilidade de ensilar herba con rendementos normais, esta primavera os danos nas parcelas de millo son de gran extensión e gravidade en parroquias como Cardeiro, Andavou, Arceo, Brates, Sendelle ou Boimil; rexistrándose parcelas de millo levantadas polo xabaril en todas elas que poderían superar as 80 hectáreas, con diferentes graos de afección.
Así as cousas, Unións pide a firme implicación da Consellería de Medio Ambiente para lograr unha xestión de danos eficaz; que permita rematar a presente campaña de sementeira e evite a repetición destes danos no millo a partires de finais de agosto, momento en que volve a ser obxectivo para o xabaril. A preocupación existente entre os produtores de cara aos meses da colleita é grande, pois de continuar a pasividade e a falta de medidas os danos augúranse cuantiosos. Igualmente, a organización agraria demanda do TECOR local unha actitude seria para controlar os danos, e lembra que a Orde de Vedas 2020-2021 aprobada a finais de maio permitiría por vez primeira o axexo para o control de danos. Unha modalidade de caza que sería moi efectiva para protexer os cultivos dos que depende a economía local.
Unións lembra igualmente a importancia de dar parte dos danos ao 012 para que exista constancia oficial dos mesmos e a administración poida autorizar medidas excepcionais de control dos danos. Asemade, recorda que sempre existe a posibilidade de reclamar os danos nos cultivos por vía xudicial ás Sociedades de Caza que actúan de xeito neglixente no exercicio das súas responsabilidades na xestión das poboacións de xabarís. Igualmente, Unións demanda da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade. Así como que se garanta a colaboración de Medio Ambiente para que informe aos afectados e se involucre na procura de solucións.