Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020.– Unións Agrarias está a ter constancia da chegada de cartas da Consellería de Medio Ambiente a agricultores e gandeiros que solicitaron as axudas para a prevención dos danos do xabaril na convocatoria do ano 2019, con Resolucións administrativas nas que se desestiman as solicitudes de axudas por “crédito esgotado”.
Estas axudas foron convocadas pola ORDE da Consellería de Medio Ambiente do 19 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2019, na que se establecía unha liña para a prevención de danos ocasionados polo xabaril: para a adquisición de pastores eléctricos.
Os pastores eléctricos, ainda que non poden ser unha solución universal para todas as casuísticas que se dan no rural para a defensa dos cultivos, sí que son un elemento que pode ser eficaz na disuasión da entrada das mandas de xabaríns nos terreos produtivos, contribuído a reducir os danos nas parcelas de horta, patacas, millo e prados.
Por elo esta Orde dotouse dun orzamento de 120.000 euros para o ano 2020 que resulta estar esgotado ante a demanda desta liña de axudas por parte dos produtores galegos; que se ven indefensos ante a proliferación desta especie e o fracaso do actual modelo de xestión das poboacións de xabaríns.
Dado que a propia Orde da Consellería establecía a posibilidade dun incremento orzamentario en caso de ser preciso, Unións Agrarias demanda da Consellería de Ángeles Vázquez que dote a esta Orde do incremento orzamentario preciso para cubrir todas as solicitudes técnicamente válidas presentadas nesta convocatoria, e que en todo caso as solicitudes presentadas que se están a denegar, conserven a súa validez e orde de prioridade para ser estimadas en futuras convocatorias de ser o caso.
Unións Agrarias aproveita para recordar aos afectados polos danos do xabaril que deben de comunicalos sempre ao 012 para que exista constancia oficial; que teñen a disposición a liña de axudas da Consellería; e que sempre poden presentar reclamación xudicial ante actuación neglixentes dos TECOR e Sociedades de Caza que se neguen a tomar as medidas necesarias, para o que brinda aos afectados os servizos técnicos e xurídicos do sindicato.