Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2020- Unións Agrarias presentou o pasado 16 de xullo diante da Axencia de Información y Control Alimentarios (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, unha denuncia contra a empresa Inleit Ingredients por modificar de xeito unilateral os contratos cos gandeiros para forzar a baixa no prezo do leite en orixe.
A firma situada no Polígono de Teixeiro-Curtis veu enviando ás explotacións notificacións nas que informa que cancela os acordos asinados nos meses de abril e maio, que tiñan unha duración dun ano e unha cotización fixa de 295 Euros por cada 1.000 litros vendidos. Deste xeito, Inleit modifica o tipo de prezo, de fixo a variable, impoñendo unilateralmente unha baixada de 2 céntimos. Ademais, establece como día de entrada en vigor o 1 de xullo de 2020; data posterior en moitos casos á recepción da comunicación por parte do gandeiro. E modifica a data de finalización do contrato ao reducir a duración a 3 meses renovables automaticamente, incumprindo así a duración mínima dun ano que deben ter este tipo de contratos. Tendo en conta estas anomalías, é evidente que a pretensión de Inleit non reúne as condicións formais establecidas no RD95/2019 para as ofertas de contrato.
Unións Agrarias denuncia unha práctica que é a todas luces contraria á normativa vixente que se recolle na Lei de Cadea Alimentaria. Polo que desde a organización agraria solicítase da AICA que realice todas as comprobacións necesarias e que se poña fin á conducta denunciada; que se declare a validez dos contratos vixentes o 30 de xuño de 2020, e se anulen os que teñen data de entrada en vigor o 1 de xullo de 2020.
Do mesmo xeito, UUAA pide que se investigue, garantindo o anonimato dos gandeiros para evitar represalias, a maneira na que Inleit Ingredients SLU obtivo a sinatura por parte dos produtores e que se comprobe a veracidade do “mutuo acordo” e a incoación dos correspondentes procedementos sancionadores. Tamén se solicita que a organización denunciante sexa notificada de cantas actuacións se realicen, así como das resolucións que se diten.