Ás portas da vendima, insistimos na necesidade de que a Xunta de Galicia faga os deberes para que os produtores de uva non paguen as consecuencias da Covid19. Como? Poñendo en marcha as medidas nas que levamos tempo insistindo. O responsable de Agricultura de Unions Agrarias lembra que, ata o momento, os viticultores galegos non contaron con axuda para paliar as consecuencias da crise sanitaria. Por iso insta ao goberno galego a non deixar pasar máis tempo e a condicionar as axudas ás adegas á recollida integral da colleita a prezos nunca inferiores aos da pasada campaña. José Ramón González insiste na necesidade de impulsar contratos claros previos á vendima. E destaca a necesidade de que o goberno galego teña en conta as consecuencias dos recentes incendios. Nese senso, aposta por impulsar unha liña de axudas directas para paliar os danos provocados en viñedos e soutos. Pero tamén por traballar para mobilizar terras, frear o abandono e impulsar un modelo de xestión do territorio que, dunha vez por todas, permita poñer couto aos lumes.


