QUEIXAS ENTRE OS PRODUTORES POLO MAL FUNCIONAMENTO DA NOVA WEB DE MEDIO RURAL

Na Delegación Provincial recoñecen a situación pero non actúan

Lalín, 4 de agosto de 2020.- Unións Agrarias vai dar traslado a Medio Rural do forte malestar existente entre os gandeiros polo deficiente funcionamento da nova web para a tramitación administrativa diante da Consellería. Unha situación que está a provocar que os produtores teñan que acudir fisicamente ás oficinas agrarias para realizar trámites que ata o de agora podían efectuar de xeito telemático.

Calquera operación que se intente realizar desde o portal do departamento da Xunta de Galicia dá problemas tanto operativos como pola redistribución informativa dentro da páxina web.

Desde a Delegación Provincial de Pontevedra recoñécese esta situación, pero non fan nada para que se corrixa . Tan só se limitan a suxerir que se trasladen as protestas á Consellería en Santiago xa que eles nada poden facer.

Unións Agrarias lamenta esta situación, máxime cando a pandemia do Coronavirus fai preciso que as vías telemáticas estean operativas para evitar contaxios e desprazamentos innecesarios.