UUAA CONSIDERA IMPRESENTABLES AS ARGUMENTACIÓNS DE INLEIT PARA INCUMPLIR OS CONTRATOS COS GANDEIROS

Cre oportunista que a multinacional se escude na Covid-19 para xustificarse

Santiago de Compostela, 3 agosto de 2020.- Unións Agrarias considera completamente impresentables as argumentacións coas que a empresa Inleit trata de camuflar o que non deixa de ser un incumprimento flagrante dos contratos de aprovisionamento que tiña asinados cos gandeiros.

Dicir, tal como afirma nun burofax remitido aos gandeiros, que a crise do Coronavirus afectou á comercialización e ao prezo do leite e derivados nos supermercados non se sostén, e para comprobalo basta con revisar calquera ranking oficial de consumo nos fogares ou mesmo o IPC dos meses referidos.

Do mesmo xeito, cando Inleit fala de que as cotizacións baixaron debe de saber que o prezo do leite non depende só do leite desnatado en po, -en todo caso como mínimo debería incluír tamén o da manteiga-. Pero mesmo no caso de tomar como referencia o prezo do LDP, as cotizacións eran de 2,53 a primeiros de marzo e de 2,12 a finais de xuño, (momento no que a empresa presenta a modificación do contrato). Estamos polo tanto ante unha diferencia de 4,2 euros e non dos 7 euros que Inelit indica no citado burofax. Pero, ademais, tamén é falso que o mercado internacional tivera unha depreciación de 10,7 céntimos por litro. Basta mirar os datos do Milk Market Observatory (MMO) da UE, que reflicte que os prezos de finais de xuño con respecto a comezos de abril caeron un 16% no LDP, pero só un 9 a 10% na manteiga e queixos.

Polo tanto non estamos ante unha situación de forza maior no caso da industria alimentaria que non foi confinada, senón ante unha deficiencia de planificación da súa produción e do seu proxecto, ao que por certo a Xunta de Galicia regou con substanciosas subvencións, polo que parece sen os controis oportunos.

Unións Agrarias xa ten denunciado esta práctica a todas luces contraria á normativa vixente que se recolle na Lei de Cadea Alimentaria. A organización agraria solicita da AICA que realice todas as comprobacións necesarias e que se poña fin á conduta denunciada; que se declare a validez dos contratos vixentes o 30 de xuño de 2020; e se anulen os que teñen data de entrada en vigor o 1 de xullo de 2020. Do mesmo xeito, UUAA pide que se investigue, garantindo o anonimato dos gandeiros para evitar represalias, a maneira na que Inleit Ingredients SLU obtivo a sinatura por parte dos produtores e que se comprobe a veracidade do “mutuo acordo” e a incoación dos correspondentes procedementos sancionadores. Tamén se solicita que a organización denunciante sexa notificada de cantas actuacións se realicen, así como das resolucións que se diten.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias