UUAA LEMBRA QUE OS TECORES E SOCIEDADES DE CAZA PODEN UTILIZAR AXEXOS PARA CONTROL DO XABARÍN

Os ataques da fauna salvaxe súmanse á seca que ameaza a campaña do millo

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020 – Unións Agrarias está a constatar o inicio dos danos do xabaril naquelas localidades onde a seca está a adiantar a formación da espiga do millo. A preocupación dos produtores vai en aumento a medida que avanza a tempada, porque está a vir cunhas importantes reducións da calidade da forraxe de ata o 30% na produción debido á seca que está a sufrir o agro galego por falta de precipitacións suficientes durante os meses de xuño e xullo.

A esta importante caída da produción, que irá a máis de non haber precipitacións significativas nas vindeiras semanas, estase a sumar en distintas zonas produtoras a acción das mandas de xabarís, que inician a súa entrada en parcelas de cultivo en canto empeza a agromar a espiga do millo; o que provoca cuantiosos danos que se suman aos da seca.

En Galicia cultívanse unhas 69.000 hectáreas de millo forraxeiro, cunha produción en valor económico de preto de 100 millóns de euros que se concentra nas comarcas de maior actividade gandeira; e que resulta fundamental para a viabilidade da produción de leite e carne, onde a alimentación do gando chega a supor unha media do 60% dos custos de produción.

Segundo o marco normativo vixente, establecido na Lei 13/2013 de Caza de Galicia, son os TECOR e Sociedades de Caza os responsables do control dos danos, así como de indemnizar aos agricultores e gandeiros cando estes se producen. Neste sentido a Consellería de Medio Ambiente, na súa última Orde de vedas do mes de maio, autorizou a modalidade de caza por axexo, o que permitiría un control dos danos máis eficaz que os das esperas e sen as complexidades das batidas e os atrancos que supón para os cans de caza o traballo en condicións de calor e altas temperaturas propias do verán.

Esta modalidade da caza do xabaril ao axexo, ata o de agora non autorizada en Galicia para o control de danos, sería moi eficaz e estaría especialmente indicada nas zonas de cultivo onde están a adiantarse as incursións das mandas segundo avanza a madurez do millo. Por todo elo Unións pide aos agricultores e gandeiros afectados que esixan accións de control do xabaril mediante axexos aos correspondentes TECOR e Sociedades de Caza. Ademais, demanda da Consellería que dirixe Ánxeles Vázquez que divulgue a posibilidade desta nova modalidade de control de danos entre os cazadores, e que a autorice cando lle sexa solicitada.

Unións lembra igualmente a importancia de dar parte dos danos ao 012, coa finalidade de que exista constancia oficial dos mesmos e se poidan autorizar pola administración medidas excepcionais de control. Asemade recorda que sempre existe a posibilidade de reclamar os danos nos cultivos por vía xudicial ás Sociedades de Caza que actúan de xeito neglixente no exercicio das súas responsabilidades na xestión das poboacións de xabarís e dos danos que producen.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias