UUAA PIDE AMPLIAR O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE PLANS DE MELLORA

A menos dun mes para o remate, o colapso da Covid-19 atascou moitas solicitudes

Santiago, 18 de agosto de 2020.- Unións Agrarias púxose en contacto coa Consellería do Medio Rural para solicitar unha ampliación do prazo de solicitude das axudas para Plans de melloras nas granxas debido aos retrasos nas tramitacións de permisos e licencias nas administracións que provocou a crise do Coronavirus.

Neste momento moitas das solicitudes están á espera de poder ser completadas, pero o colapso administrativo nos concellos impide a entrega tanto de licencias de obra e como de informes sectoriais. Unha situación que de non corrixirse vai deixar fóra a moitos solicitantes nun momento de especial debilidade económica das granxas.

A organización agraria confía en que desde Medio Rural se atenda esta solicitude, porque de non adiarse a data do 15 de setembro como límite para entregar a documentación, provocaríase que moitas das solicitudes decaian e perdan o acceso a unha liña de apoio que fundamental para que as explotacións galegas poidan facer reformas e gañar produtividade.

Non hai que esquecer que por cada 3 euros públicos os gandeiros teñen que poñer 7 a maiores, e que por encima destes 3 euros postos pola administración galega o 75% proceden de fondos europeos, polo que a falta de fondos non é escusa.

Unións Agrarias lembra que as explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posibles a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo. Pero para iso necesitan investimentos case constantes nas súas instalacións, que lles permitan mellorar o benestar animal, reducir custos e cumprir coas esixencias medioambientais. Polo que esta liña de axudas é fundamental.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias