A FAUNA SALVAXE MULTIPLICA OS ATAQUES NOS VIÑEDOS DE OURENSE

UUAA alerta das perdas que as mandas descontroladas están a provocar en plena vendima

Ourense, 03 de setembro de 2020 – Unións Agrarias está a recibir nas súas oficinas comarcais de Ourense queixas xeralizadas polos danos que están a producir nos viñedos das catro Denominacións de Orixe ourensáns xabarís, corzos e mesmo cervos, nestes días previos á colleita.

Nesta última semana as denuncias concéntranse especialmente nas zonas do Ribeiro e Monterrei, onde as incursións dos corzos e cervos poden deixar perdas de ata 2.000 euros nunha soa noite, xa que morden e tiran os acios de uva que están listos para a colleita. O mesmo está a suceder co xabaril, que entra en parcelas onde é inviable proceder ao peche completo de protección con pastores eléctricos.

Unións advirte que estes danos aumentan ano a ano con cada campaña; a medida que se abandonan a monte por falta de actividade as parcelas con lindes aos viñedos nas que esta fauna atopa refuxio; e segundo aumentan as poboacións de xabarís e corzos por falta dunha xestión axeitada; e diminúe o esforzo de caza co incremento da idade dos cazadores e a falta de relevo xeracional neste sector.

A organización lembra que dende o día 22 de agosto xa está aberta a tempada de caza do xabaril. UUAA destaca a urxencia de que se programen as primeiras batidas do ano de xeito inmediato nas zonas nas que se teñen rexistrado danos. E incide na necesidade de aplicar criterios de prevención ata que a recollida da uva sexa efectiva.

Asemade, Unións insiste en que é posible pedir esperas e axexos para controlar os danos de corzos e xabarís que se dean nestes días e nas próximas semanas. Os axexos son unha modalidade de caza que pode ser moi efectiva na prevención destes danos, especialmente no caso do xabaril. Trátase de algo novidoso, xa que se autorizou por vez primeira na Orde de vedas da Xunta publicada neste ano. Polo que é importante que tanto os agricultores como os propios TECOR e Sociedades de Caza coñezan esta posibilidade, xa que son os cazadores quen teñen que pedir as autorizacións dos axexos a Medio Ambiente para a súa aprobación.

Unións Agrarias lembra que é preciso que a tendencia crecente destes danos sexa abordada pola Xunta de Galicia dun xeito integral e coordinado cos TECOR e Sociedades de Caza; de maneira que sexa posible ir por diante do problema e non por detrás, como está a suceder nestes últimos anos. Nese senso, a organización agraria insta ao Goberno da Xunta que se nomeará nos próximos días e aos responsables da Consellería de Medio Ambiente a introducir na súa axenda e programa de goberno as reformas que sexan precisas para acadar un sistema de control das poboacións de fauna salvaxe e dos seus danos efectivo, e rompa a tendencia á alza que ven manténdose nos últimos anos.

Unións tamén demanda da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade. Ademais, solicita que se garanta a colaboración da gardería de Medio Ambiente para que informen aos afectados e se involucren cos TECOR na busca de solucións inmediatas nos casos en que o xabaril e corzo afecten ás explotacións de viñedo, poñendo en risco a súa viabilidade.

Por último a organización lembra que os seus servizos xurídicos están a disposición dos agricultores afectados para impulsaren as reclamacións de indemnización dos danos nos xulgados, naqueles casos de evidente xestión neglixente por parte dos TECOR e Sociedades de Caza responsables.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias