Santiago de Compostela, 14 de septembro de 2020.– Unións Agrarias advirte da gravidade da situación dos lumes na provincia de Ourense. Un problema recurrente que se repite cada vez que se dan as condicións climáticas favorables. A organización agraria advirte da progresiva transformación da provincia nunha auténtica “bomba de biomasa” que medra a medida que pasan os anos e se abandona a actividade agraria e forestal. O que fai posible que tan só nunha fin de semana como a pasada poidan arder 7.000 hectáreas; o 35% da superficie media anual queimada en Galicia, 20.000 ha/ano, precisamente concentradas nas comarcas de maior abandono e menor actividade agraria e forestal.
A día de hoxe no rural ourensán o abandono é a principal “actividade”, toda vez que a actividade agrogandeira con capacidade de xestionar o territorio (gandeiría de leite e carne ligada á terra) é marxinal na provincia, con tendencia a desaparecer de non tomarse drásticas iniciativas de apoio por parte da Administración. Así, en Ourense apenas persiste o 8,2% das explotacións de carne e menos do 1% das explotacións de leite de Galicia. En canto á actividade do sector forestal, baste decir que as curtas de madeira da provincia apenas acadan o 5% da producción galega. Nin a agricultura, nin a gandeiría, nin a xestión forestal sostible teñen apenas presenza no territorio ourensán. O que fai que este se estea a transformar de xeito estrutural nunha bomba de biomasa formada por miles de hectáreas de mato e monte desordenado, en continuidade e sen apenas presenza dos cortalumes naturais que forman terras de labor, pastos, e prados que protexen montes e casas; e sen que exista apenas selvicultura preventiva nas masas forestais.
Asemade existen miles de hectáreas de concentración parcelaria abandonadas, sen que ninguén se preocupara nestas últimas dúas décadas de buscarlles unha saída produtiva por falta dun marco legal axeitado que premie a actividade e sancione o abandono. Aínda cando Galicia é deficitaria en producción de forraxe e de alimentos para a cabana gandeira; produtos que se teñen que importar por vía marítima doutros continentes.
Toda esta dinámica de abandono e desleixo na posta en produción da provincia de Ourense, tanto por parte da Administración como da Xunta de Galicia, fan que se dean as condición estruturais na vexetación e no territorio para que o lume sexa recorrente. E basta que se dean as condicións climáticas axeitadas e se prenda a faísca para que cada ano nesta provincia se bordee a catástrofe medioambiental.
Así as cousas, Unións Agrarias destaca a falta de solucións e a ausencia de vontade para poñelas en marcha. E apunta que o problema persistirá mentres non se aborde un plan de posta en actividade da superficie agraria ourensá, comezando por un marco legal que mobilice as terras de concentración parcelaria. Do mesmo xeito, indica a necesidade de incentivar a produción de alimentos e forraxe aproveitando a base territorial galega; así como unha xestión forestal sostible.
A organización agraria urxe que se replantee o modelo actual, centrado na extinción. E destaca a ineficacia de gastar case 90 millóns de euros anuais en medios de extinción, simplemente para esperar a que chegue o lume a un territorio abandonado para ir apagando detrás das lapas. A sociedade galega non se pode permitir ter unha provincia enteira fóra da actividade produtiva, esperando ano tras ano ao lume e confiando na chegada da choiva para evitar unha catástrofe medioambiental e a perda de vidas humanas.