Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020 – Unións Agrarias advirte do primeiro caso confirmado de Peste Porcina Africana (ou PPA) polo Ministerio de Agricultura de Alemaña, trasmitido por un xabaril salvaxe localizado na fronteira con Polonia. Feito que xa provocou o peche das exportacións de porcino alemán a mercados asiáticos como Corea do Sur.
Este incidente fixo saltar xa todas as alarmas no sector porcino español. Aínda que esta enfermidade só afecta aos porcos e en ningún caso ten efecto algún sobre a saúde das persoas, obriga a unha serie de controis moi exhaustivos para o seu control, o que implicaría igualmente o cese inmediato das exportacións no caso de que se dese unha situación análoga no noso país.
Hai que ter en conta que detrás de Estados Unidos e Alemaña, España é o terceiro país exportador mundial de carne de porcino. Especialmente ao mercado chinés, onde precisamente a presenza da PPA nos últimos anos supuxo unha brusca caída da produción de carne de porcino, un importantísimo tirón das exportacións mundiais cara ao mercado chinés e unha alza de ata o 46% no prezo da carne de porco así como risco de desabastecemento. A facturación das exportacións do sector porcino español superaron os 6.200 millóns de euros no ano 2019.
Unha chegada da PPA a Galicia por unha mala xestión das poboacións de xabaril, impactaría de xeito dramático no sector porcino galego, que actualmente exporta ata un 70% da súa produción cara o exterior, supón 1,2 millóns de cabezas e 25.500 explotacións; das cales unhas 1.150 son profesionais con vocación exportadora. A facturación das exportacións do sector porcino galego superaron os 95 millóns de euros no ano 2019.
Unións advirte da responsabilidade das dúas consellerías con competencias na materia: Medio Rural e Medio Ambiente, con competencias en sanidade animal e no control das poboacións de xabaril; actualmente descontroladas e en expansión, e que están a ser o principal factor de transmisión desta enfermidade polo norte de Europa e cara España. A organización fai un chamamento para que estas consellerías non se poñan de perfil ante este problema. E urxen unha estratexia que faga da prevención da PPA unha das prioridades desta lexislatura que se inicia.
UUAA reitera a necesidade, cada vez máis urxente, dun plan serio de control das poboacións de xabaril. E insta a extremar o control biosanitario nas fronteiras para evitar a posible chegada de partidas de carne de porco contaminadas co virus. Ademais, reclama a redacción dun plan de continxencia de aplicación inmediata no momento en que puidera aparecer a PPA en España ou Galicia.