UUAA DENUNCIA A FALTA DE AUTORIZACIÓN DE CONTROIS DE XABARÍNS

A inacción da Consellería de Medio Ambiente pon en risco a produción no Deza

Santiago de Compostela.- 15 de setembro de 2020– Unións Agrarias está a recibir queixas de afiliados da zona do Deza debido á falta de autorización de esperas ao xabaril para control de danos nos cultivos por parte da Delegación Provincial de Medio Ambiente en Pontevedra.

O día 22 de agosto abriu a tempada ordinaria de caza do xabaril en toda Galicia. Non obstante, en moitas zonas as batidas non son suficientes para resolver os problemas que provocan as entradas de mandas de xabarís nas parcelas de cultivo. E son precisas intervencións puntuais que alivien a presenza dos animais e as súas desfeitas nos días previos á colleita do millo.

Por ese motivo, agricultores e gandeiros teñen solicitado esperas. Unha medida extraordinaria que está sendo solicitada polos TECOR correspondentes. Non obstante, existen queixas de produtores debido a que a Delegación de Medio Ambiente de Pontevedra está a rexeitar varias desas solicitudes; alegando falta de persoal para tramitalas ou informes dos axentes contrarios ás intervencións solicitadas; ou argumentando que ao atoparnos en período ordinario de caza non son precisas máis autorizacións.

Unións Agrarias insta á aprobación de todas as solicitudes de intervención de caza que teñan por finalidade protexer os cultivos nos días previos á colleita, cando resultan máis apetecibles para o xabaril, e tamén máis vulnerables. A administración ten que facer un esforzo para estar á altura das circunstancias, aplicando interese e dilixencia en resolver os problemas de agricultores e gandeiros. E non sendo socialmente aceptables actitudes de aplicación tibia da normativa que deixan aos produtores sen posibilidade de protexer os seus cultivos.

Igualmente, Unións lembra que a Consellería de Medio Ambiente na súa última Orde de vedas do mes de maio autorizou a modalidade de caza por axexo un “rececho”; o que permitiría un control dos danos máis eficaz que os das esperas e sen a complexidade das batidas. Unha modalidade que poderían aplicar os TECOR de xeito complementario, para recuperar a normalidade dos cultivos nesta temporada.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias