Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020 – O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, acompañado por técnicos da organización, reuniuse cunha vintena de gandeiros afectados polos graves danos que o xabaril está a causar nas parcelas de millo en Boimorto. Unha situación que ademais ademais ven herdada, pois os danos máis recentes chegan despois doutras desfeitas previas nas mesmas parcelas, producidas no momento da sementeira no mes de xuño. Os constantes ataques teñen obrigado aos produtores a volver sementar ata tres veces e a asumir o incremento de custos en decenas de hectáreas de plantación.
Na xuntanza os produtores acordaron demandar ao TECOR local pola falta de solucións e debido ao total desinterese amosado ante as chamadas dos gandeiros para que actuasen- Neste sentido, UUAA puxo a disposición dos afectados os seus servizos xurídicos e o aconsellamento técnico preciso para formular as denuncias con todos os elementos de proba que faciliten as actuacións sancionadoras.
Este é un problema reiterado, pois xa o ano pasado houbo queixas xeralizadas ante a pasividade do TECOR local, existindo mesmo reunións coa Consellería onde se chegou a barallar a alternativa de traer cuadrillas de caza de fóra de Boimorto (excepción que permite a Lei 13/2013 de Caza de Galicia) para executar as medidas de control de danos precisas para que os produtores do concello puideran sacar adiante os seus cultivos sen perdas cuantiosas. Finalmente esta intervención non se levou a cabo, polo compromiso do TECOR de Boimorto de xestionar axeitadamente o malestar dos agricultores e actuar para reducir os danos. Compromiso que non se cumpriu na práctica durante a presente temporada de caza, na que simplemente se continuou coas ineficaces prácticas precedentes.
Unións esixe unha firme implicación da Consellería de Medio Ambiente para lograr unha xestión de danos que sexa eficaz e poñer coto a esta situación desesperante. Igualmente, demanda do TECOR unha actitude seria para controlar os danos, recordando que a Orde de Vedas 2020-2021 aprobada a finais de maio permitiría por vez primeira o axexo de xabarís para control de danos; modalidade de caza que sería moi efectiva si existise interese por parte do TECOR local para protexer os cultivos dos que depende a economía local.
Unións lembra igualmente a importancia de dar parte dos danos ao 012 coa finalidade de que exista constancia oficial dos mesmos. E destaca que unicamente dese xeito é posible que se poidan autorizar medidas excepcionais de control dos danos por parte da administarción. Neste sentido, Unións Agrarias demanda á Xunta de Galicia solución para o colapso do teléfono 012 de atención e información á cidadanía. Unha situación que está a impedir que os afectados polos danos dos xabarís nos cultivos poidan solicitar as axudas dentro do prazo de 72 horas que marca a normativa da Consellería de Medio Ambiente.