Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a mudar de estratexia e impulsar unha política de prevención de incendios eficaz. A organización agraria destaca o fracaso do actual modelo, centrado unicamente na prevención, así como a evidente relación entre abandono, despoboamento e lume.
O responsable de Desenvolvemento Rural e o de Agricultura e Producións Extensivas da organización agraria compareceron este xoves en rolda de prensa para reivindicar unha política de xestión do territorio capaz de poñer couto ás lapas. Xacobo Feijóo e José Ramón González pediron un cambio de rumbo que impida que situacións como as vividas hai poucos días en Ourense volvan repetirse. Unha provincia que nos últimos anos acapara o 25% dos incendios forestais producidos no conxunto do estado. E na que a actividade agrogandeira e o aproveitamento forestal non paran de menguar á vez que medran o despoboamento e o abandono.
Para Unións Agrarias a relación esa realidade e os lumes é evidente. Polo que a organización apela á sensibilidade do goberno galego e ínstao a repensar a súa estratexia e a apostar por unha xestión territorial efectiva, contando con agricultores, gandeiros e poboacións locais, en lugar de ir sempre por detrás do problema.
Os responsables de UUAA lembraron que de nada valen os 90 millóns de euros que a Xunta de Galicia gasta cada ano en extinción, e dos que arredor de 35 os acapara a provincia ourensá. E aposta por comezar a traballar dende xa para evitar que situacións dramáticas como as que xa se deron en máis dunha ocasión no rural ourensán volvan darse.
Unións pon en valor a capacidade de agricultores e gandeiros como xestores do territorio. E reivindica un modelo centrado na prevención e nunha posta en uso da terra abandonada acorde ás necesidades, capaz de desactivar a bomba de biomasa na que se ten convertido o rural ourensán e de crear os cortalumes naturais necesarios.