SOS Gandería: UUAA anima á Xunta a cumprir co seu compromiso de apoio ás explotacións galegas

Logo da caída de prezos e vendas que trouxo a covid19, o novo decreto de puríns podería ser a estocada definitiva

Arredor de 20.000 empregos están en risco no rural galego. O futuro do equivalente a 40 Alcoas pende dun fío, á espera de que a Xunta poña en marcha as axudas covid comprometidas en xuño. Pasan os meses, e as explotacións de carne afogan! A gandería non pode ser a curmá pobre do tecido socioeconómico. Mentres se habilitan solucións en forma de ERTES adaptados ás necesidades doutros sectores, os problemas do rural fican aparcados. Confiamos que o goberno galego cumpra coa súa palabra e impulse canto antes o Plan de Reactivación e as axudas directas anunciadas para as explotacións galegas. Non é posible pasar por alto que, ademais dun problema socioeconómico e de emprego, a grave crise de prezos e a situación de endebedamento que enfronta a gandería galega a causa da Covid19 pode converterse tamén nun problema territorial. Falamos do único sector que traballa activamente na xestión do territorio das zonas desfavorecidas e de montaña do rural galego. E que, coa súa actividade, é capaz de manter controlada a biomasa funcionando como un imprescindible axente preventivo contra os incendios. Porén, as contas son complicadas, e todo indica que a caída de vendas e prezos vinculada ao descenso da actividade hosteleira e do turismo se manterá aínda no tempo. Ademais, o novo decreto de xestión de puríns ameaza con converterse na estocada definitiva. As explotacións galegas non contar coa capacidade económica precisa para asumir as novas medidas propostas no borrador dun texto unificador; que non ten en conta a evidente diferencia entre unha explotación familiar extensiva, con 20 vacas e base territorial na montaña de Lugo, e unha intensiva con 200 animais estabulados nunha nave. Por elo animamos á Xunta a actuar con amplitude de miras e a habilitar as solucións que o sector precisa, agora e de cara ao futuro.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias