O secretario xeral de Unións Agrarias compareceu este venres en rolda de prensa para valorar unha vendima na que, pese a terse recollido a totalidade da colleita, os viticultores seguen a ser a parte débil. Roberto García destacou que, igual que en campañas anteriores, nesta que ven de rematar as adegas volveron incumprir a Lei de Cadea ao non ofrecer aos produtores contratos asinados cun prezo fixado para a uva previos á entrega a mesma. A organización agraria incide na necesidade de que o goberno galego se implique e impulse dunha vez o rexistro público de contratos que UUAA leva tempo reclamando; e un estudo de custos de produción adaptado á realidade das distintas denominacións de orixe e zonas produtoras. E apela á sensibilidade da administración para dar forma sen máis demora a un marco que aporte garantías.
O secretario xeral de Unións valorou positivamente o feito de que, pese aos temores que existían en relación á situación xerada pola Covid-19, nesta colleita finalmente foi posible recoller a totalidade da produción, as vendas e o consumo remontaron e as adegas chegaron á vendima nunha boa situación. Porén, Roberto García destacou que, e pesar diso, os viticultores volverán ser a parte perxudicada e verán mermados os seus ingresos: debido á redución rexistrada no volume de quilos colleitados (59,9 fronte aos 64 da pasada campaña), pero tamén a causa do incremento dos custos de produción derivados do mildio que afectou aos cultivos.
O voceiro de Unións instou ás administracións a actuar para conseguir que a Lei de Cadea Alimentaria deixe de incuprirse dunha vez por todas. Tanto no que se refire á obriga de asinar contratos con prezos fixados de maneira previa á vendima (que este ano as adegas volveron incumprir). Como no relativo á obriga de que estas abonen o pago da uva aos produtores nun prazo máximo de 30 días. Nese senso, García lembrou que as administracións aínda están a tempo de actuar no marco da actual campaña. E destacou a incoherencia e a inxustiza que suporía non facelo, habida conta dos cartos públicos inxectados ás adegas.