UUAA INICIA HOXE ACCIÓNS CONTRA A NOVA NORMA DE XURROS

A organización abreu unha campaña de recollida de sinaturas contra o Real Decreto

Santiago, 14 de outubro de 2020.- A organización Unións Agrarias iniciou hoxe unha campaña de recollida de sinaturas contra o proxecto de nova normativa de tratamento de xurros na totalidade das súas sedes en Galicia. Esta acción levarase a cabo ata o venres 30 de outubro; data trala que os apoios recollidos serán presentados no rexistro do Ministerio de Agricultura. E complementa á táboa de alegacións á proposta de texto normativo elaborado polo goberno central que a organización agraria presentará o vindeiro 19 de outubro.

UUAA entende que os contidos presentes no borrador do Real Decreto polo que se establecen normas para conseguir a nutrición sostible dos solos agrícolas son claramente lesivos para a rendibilidade das explotacións galegas; xa que implican que as granxas teñan que asumir unha serie de investimentos, procedementos e asesoramentos que as convertirían en inviables.

No texto proposto o Ministerio de Agricultura non fai distincións entre tipos de gandería á hora de distinguir a produción de residuos. Unha circunstancia que leva a equiparar o modelo en extensivo co das explotacións intensivas, coas que non comparte ningún parámetro.

Con esta penalización, as explotacións de montaña e zonas desfavorecidas veríanse forzadas a pechar; xa que terían que depender de empresas externas de tratamento de residuos para poder liberar os xurros, ao non poder depositalos nos prados debido ás pendente que o terreo presenta nesas áreas.

O borrador de real decreto presentado polo Ministerio establece ademais novos requirimentos técnicos para as granxas; como a obrigatoriedade de realizar analíticas de solos e xurros, rexistrar a fertilización realizada no caderno de explotación ou contar cun plan de abonado. Obrigas que ningunha das explotacións galegas está en situación de acometer.

Do mesmo xeito, a supresión de sistemas de aplicación de xurros por canón, abano e prato e o cambio a formatos de inxección obrigaría ao cambio de maquinaria por outra de maior potencia; así como a incrementar o tempo de traballo, co que iso supón de gasto de combustibles.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias